domingo. 16.05.2021 |
El tiempo
domingo. 16.05.2021
El tiempo

Escribir aquí e agora

Na actualidade, agás algunhas, poucas, excepcións, a literatura que se escribe no Reino de España é feble, frouxa, cando non, domesticada e servil
 

DI O DRAMATURGO e director de escena salmantino Alfonso Zurro que hoxe en día non hai ningún autor no panorama do teatro español que sexa capaz de escribir as cousas que escribiu no seu día Valle-Inclán, e que se alguén o fixera sería denunciado. O extraordinario dramaturgo e home de letras que foi don Ramón María del Valle-Inclán, para min, e para unha inmensa maioría de lectores en todo o mundo, un dos xenios literarios da humanidade, declarou á chegada da segunda República española, palabras textuais, que "los españoles han echado al último Borbón, no por Rey sino por ladrón".

¿E que me din vostedes de don Benito Pérez Galdós, o máximo representante da novela realista española do século XIX? ¿Podería escribir hoxe o autor de Fortunata y Jacinta que "el borbonismo es un poder arbitrario que acopla el trono y el altar para oprimir a un pueblo infeliz y mantenerlo en la pobreza y la ignorancia?" ao clásico español aplicaríanlle, de inmediato, sen dúbida, a chamada ‘Lei Mordaza’.

Non son poucos os especialistas en literatura contemporánea que afirman, á vista do que acontece a día de hoxe, que poetas ilustres como Miguel Hernández, Federico García Lorca ou Rafael Alberti, todos eles clásicos do século XX, serían tamén condenados ‘ipso facto’ na España de hoxe, tan caracterizada polos recortes no que a liberdade de expresión se refire. ¿E entre nós? ¿Que me din vostedes da Rosalía de Castro autora dun poema titulado A xustiza pola man?

Na actualidade, agás algunhas, poucas, excepcións, a literatura que se escribe no Reino de España é feble, frouxa, cando non, como diría o crítico e editor Constantino Bértolo, domesticada e servil. E eu aínda diría máis. A literatura actual, incluída a poesía, é, maiormente, pobre, corrente, trivial. Claro que hai nomes como os de Rafael Chirbes, Antonio Gamoneda ou Méndez Ferrín, mestres ben recoñecíbeis. Mais a lingua que se utiliza é cada vez máis raquítica, anémica, ‘canija’. Novelas de moi magra estrutura e léxico ‘televisivo’. Poemas que carecen de substancia rítmica e raíz carnal asociada á linguaxe. avanza no panorama actual, como unha mancha de aceite pegañento, unha mistura de falta de ambición literaria no plano artístico e de convencionalismo temático, moitas veces trufado de artificio, simulación e formulismo. Sen nos esquecer da autocensura e do medo: do temor á realidade e aos soños.

Escribir aquí e agora
Comentarios
ç