Opinión

Espionaxe institucional

O Centro Nacional de Inteligencia (CNI) acaba de cumprir 20 anos de existencia e tiña previsto levar a cabo unha conmemoración especial aos efectos con diversos actos, e coa idea central de “dar a coñecer o seu labor á cidadanía” e pór en relevo o traballo que realizan os seus 3.000 profesionais. Mais non puido ser. O organismo optou polo silencio institucional. Porque non tiña, obviamente, outra saída. O escándalo da espionaxe institucional que o denominado "servizo de intelixencia español" protagonizou nas últimas semanas creou un "burato negro", unha curvatura obscena no espazo-tempo da democracia española. E todo culminou, polo momento, coa destitución, por parte do Goberno, da directora do CNI, Paz Esteban, aínda que a ministra de Defensa –sempre na corda frouxa dunha incompetencia balbucinte– sacralice o traballo da directora cesada, pois defendía "nuestra paz, nuestra libertad y nuestra seguridad".

A espionaxe institucional en España está rexida, e blindada, pola lei franquista de Secretos Oficiales de 1968, que só sufriu unha reforma preconstitucional dez anos despois e que continúa vixente, aínda que exista tamén unha lei do ano 2002 que regula o funcionamento dos servizos secretos. Mais xa en pleno 2022 a pregunta é inevitábel. ¿Pode un sistema democrático espiar os teléfonos de 65 políticos, avogados e xornalistas a través dun software de orixe israelí que permite acceder a todos os arquivos do dispositivo telefónico da vítima espiada, así como a todas as funcións de gravación e de cámara do susodito dispositivo?

O certo é que a espionaxe institucional, aquí e agora –realizada a través do programa de vixilancia dixital Pegasus–, puidera constituír en si mesma unha vía aberta para a violación de determinados dereitos humanos e liberdades fundamentais, ademais de supor unha ameaza expresa para as sociedades democráticas, pois viola a intimidade das persoas –o Pegasus israelí tamén espía aos familiares dos espiados– e conculca claramente, por exemplo, o segredo da correspondencia, neste caso electrónica, e de todo tipo de mensaxes e comunicacións.

¿Existiu algún tipo de autorización política para levar a cabo actos de espionaxe institucional masiva? Esa é a gran pregunta que aínda hoxe non ten resposta. A pesar da destitución da xefa do CNI, os espías, os colaboradores da zona gris, como diría Primo Levi, sempre sobreviven.

Comentarios