Opinión

Estado da nación

OFICIALMENTE, estado da autonomía. Dende unha perspectiva histórica e de esquerdas, estado da nación. E, seguíndomos a Constitución Española ou o artigo 1 do título preliminar do Estatuto de Autonomía para Galicia, ben podería ser estado da nacionalidade histórica. Porque o noso país, como ben se sabe, é moito máis que unha rexión. E dende o IX Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado na cidade suíza de Berna (1933) e auspiciado pola Sociedade de Nacións, equivalente naquela altura á actual Onu, Galicia ou Galiza foi proclamada, política e moralmente, así o subliñou Plácido Castro, como nación.

Acaba de celebrarse o debate do estado da autonomía e os diversos grupos parlamentares, unha vez exposta a actuación do Goberno polo presidente da Xunta, manifestaron —así está previsto— o seu posicionamento de crítica ou de apoio. Todo é un trámite. E ten tamén algo de ritual. O presidente posúe maioría absoluta e fala dende a súa par ticular torre vixía. E aquí non pasa nada, aínda que a oposición política diga verdades coma puños; iso si, nun galego de pésima construción morfo-sintáctica, cun léxico deprimente e cun nivel expresivo perfectamente frouxo ou laxo, do cal se salva un voceiro da esquerda que vostedes ben recoñecerán. ¿Por que os políticos, en xeral, tamén os das esquerdas, falan un galego tan fraco, e tan castelanizado, na casa do pobo e da palabra que é o Parlamento? Xulguen vostedes.

A verdade é que mentres se producía o debate do noso estado da autonomía, no que houbo terxiversacións, inexactitudes e mentiras varias, eu pensei no último informe da fundación Foessa (Fomento de Estudos Sociais e de Socioloxía Aplicada), vinculada a Cáritas dende o ano 1965, no que se dá conta, referíndose ao ano 2018, de que o 41,6% da poboación galega vive en "situación precaria", contando cunha "alta taxa de vulnerabilidade social", sendo ademais que 470.000 cidadáns galegos se encontran en situación de exclusión xeral e 226.946 en exclusión severa.

E estas cifras, gusten ou non, veñen avaladas por un organismo instituído pola Conferencia Episcopal Española. Talmente. E así sabemos tamén que a taxa de traballadores pobres en Galicia é do 12,2% e que o noso país vive nos últimos anos "un incremento da desigualdade, o descenso da actividade, a evolución negativa da taxa do paro e a destrución de emprego". Textual. Ese é o "estado" que temos.