domingo. 19.09.2021 |
El tiempo
domingo. 19.09.2021
El tiempo

Estafas cotiás

EXISTE, SEN dúbida, a gran estafa, a ben deseñada e organizada, a levada a cabo no tempo, moitas veces de xeito tan groseiro como normalizado; unha tipoloxía de fraude que emana da esfera económica e política imperante, con tantos intereses creados por unha parte principal dos poderes dominantes. ¿Lémbranse vostedes, por exemplo, da gran estafa protagonizada no seu día por Bankia coas súas 'accións' e 'preferentes' e os máis de 23 mil millóns de euros que puxeron os cidadáns para o seu 'resgate'?

En realidade, existen moitos tipos de estafas, e practicamente todas elas, nun plano institucional, rexistran, como diría Eric Hobsbawm, motivacións de carácter político, pois responden a unha determinada 'orde social' que desprotexe tanto material como simbolicamente os cidadáns. Xa o sociólogo Edwin H. Sutherland, autor dunha obra clásica titulada O ladrón profesional e creador, por certo, do concepto de "delito de colo branco", consideraba que existían fraudes cometidas por persoas de elevado status económico que violan sistematicamente as leis destinadas a regular as súas actividades profesionais, e engadía que os estafadores reciben axuda de persoas e de organizacións consideradas legais e protectoras oficiais da sociedade; en palabras súas, unha sorte de "depredación controlada".

Mais, por outra banda, e asociadas en moitos casos ao comentado anteriormente, tamén existen as estafas cotiás, as pequenas estafas continuadas ou, dígase así, as estafas permitidas. Por que se pagan comisións, ás veces dobres, polo uso do caixeiro automático dunha entidade bancaria? ¿E as comisións cobradas por ingresos en efectivo ou as comisións adicionais por devolución de cheques ou recibos que xa recibiran un cargo inicial por xestión? Chámenlle, se queren, micro estafas, mais estas lévanse a cabo de xeito constante e duradeiro. Como ocorre tamén no ámbito das compañías telefónicas e da internet que a elas se asocia, pois cobran acotío aos usuarios por servizos (potencia, capacidade...) que non cumpren ou non serven aínda que figuren nun contrato.

En definitiva, no tipo de sociedade que nos toca vivir, aquí e agora, calquera tipoloxía de estafa, por desgraza, for esta grande ou pequena, acaba en moitos casos naturalizándose. Acaba, en boa parte, permitíndose. E moitas estafas cotiás, á orde do día, acaban finalmente por se converter en invisíbeis.

Estafas cotiás
Comentarios
ç