Opinión

Estupidez humana

NA DÉCADA DOS anos 30 do pasado século o avogado e xuíz húngaro István Rath Vegh publicou un libro titulado Historia da estupidez humana, posteriormente plaxiado, mantendo o mesmo título, por outro húngaro de nome Paul Tabori, que obtivo grande éxito comercial co seu latrocinio literario. Mais o que realmente interesa salientar agora en relación co tema da estupidez e a humanidade —a estupidez é a "bestialidade propiamente humana", que diría Deleuze— é constatar como, a pesar dos grandes avances científicos e do triunfo parcial de certa racionalidade, vivimos abocados ao espectáculo realista do triunfo da estupidez. Na etimoloxía do termo estupidez atopamos o verbo latino stupere, que tamén produciu a palabra e o significado de estupendo, e semella en certa maneira, e neste sentido, que a realidade, no seu nivel máis superficial, puidera resultar magnífica, marabillosa ou sensacional. E até feliz. Aínda tendo en conta os graves problemas sociais —véxase aí a desigualdade ou a pobreza crecente, entre outros— que a sociedade admite como se formasen parte natural e inevitábel do comunitario ou colectivo. ¿Observan vostedes aí algunha caste de estupidez?

Recentemente o recoñecido físico británico Stephen Hawking criticou con certa acedume a Donald Trump por retirarse este do Acordo Climático de París, e sinalou que tal decisión tomada polos EE .UU. pode traer devastadoras consecuencias para o noso planeta. O astrofísico e cosmólogo de Oxford non dubidou en afirmar que a resolución do estadounidense Trump —son palabras textuais— podería levar a Terra ao abismo, para se converter esta nalgo semellante a Venus, con temperaturas de máis de 250 graos e chuvias habituais de ácido sulfúrico. E Hawking, deseguido, e ao fío da realidade —velaí o inexorábel cambio climático—, tamén se mostrou pesimista sobre o futuro da raza humana, á que lle concede unha única saída en pouco menos de 100 anos: abandonar o planeta Terra camiño doutros mundos (planetas) estelares.

E, xaora, arredor de todo isto, xorde unha pregunta inmediata. ¿Non estará a humanidade actual, diante da permitida contaminación e diante do aumento disparado da poboación, facendo gala dunha estrondosa e exorbitante estupidez? Consentir a destrución da propia casa e non asegurar o futuro dos nosos fillos é, sen dúbida, ademais de estúpido e perverso, criminal. Xulguen vostedes.

Comentarios