Opinión

Ética individual na política

Como conclúe Reinhold Niebuhr, os individuos non son nunca tan inmorais como as situacións sociais nas que se ven envoltos e que eles simbolizan

A ÉTICA podemos concibila, seguindo a Rodríguez Bachiller, perfecto coñecedor da Ética de Spinoza, como un conxunto de normas reguladoras da conduta. É dicir, moral e acción humana: ‘carácter’, na súa dimensión máis profunda, que é o que significa o termo grego ‘ethikos’. ¿E os valores asociados a ese ‘carácter’ ético? Eu, sobre este particular, vivindo como vivimos nunha paisaxe nihilista en canto a valores, coincido co pensamento expresado pola profesora Aziza Bennani, quen ve como un perigo actual a ausencia de valores compartillados tanto no plano social como no político. 

No mundo xeral da sociedade e da política asistimos, parellamente aos proxectos políticos existentes, a unha nociva floración de formas de ética individual que, condicionadas por un ‘ego’ persoal moitas veces hipertrofiado, entran en conflito cos ‘outros’, cos próximos, cos inmediatos humanos compañeiros de viaxe nun entorno específico, creando eivas na propia actividade colectiva e problematizando negativamente un proxecto común como tal. Se como afirma o especialista en ética administrativa Manuel Villoria, o trato digno, respectuoso, sensíbel e coidadoso cara os cidadáns, dende o servizo público democrático, incorpora tamén unha dimensión ética, con igual razón debería ter cabida esa disposición ou aptitude en toda relación política ‘inter pares’. 

Ben se sabe que as condutas e decisións individuais, exclusivas, levadas a cabo na acción política sen estaren baseadas nunha mínima concepción ética da fraternidade, están condenadas a provocar efectos políticos e sociais altamente perniciosos. Como conclúe Reinhold Niebuhr, autor dunha Pregaria da Serenidade onde clama por unha "sabedoría para entender a diferenza", os individuos non son nunca tan inmorais como as situacións sociais nas que se ven envoltos e que eles simbolizan. 

Teñamos en conta que a acción política, aínda partindo do individual, é unha acción moral. Se enfocamos a ética sobre o individuo político deberemos colixir que todo ser político e un axente moral. Ou dito doutro xeito: toda ética individual, levada a cabo nun plano político, desemboca nun carácter social. Mais se entendemos, con Maquiavelo, que o mundo é irracional en termos morais, cando menos, seguindo as teses do florentino, conviría evitar males maiores realizando males menores. ¿A política divorciada da ética? Xulguen vostedes.

Comentarios