Opinión

Europa e as vacinas

Xulguen vostedes o modelo de transparencia, diante de situación tan grave, e as formas democráticas utilizadas dende o primeiro momento

Que na Europa política e económica das altas instancias existe unha guerra quente polo control mercantil das vacinas, fabricación e distribución incluídas, é algo que practicamente ninguén pon en dúbida. Até un semanario como Le Point demanda sen reservas que as multinacionais farmacéuticas non sigan a competir como o están a facer no momento presente, pois "deben unir forzas para multiplicar as súas capacidades de produción". ¿Unir forzas? O certo é que, como xa vimos anteriormente e seguimos a ver agora, determinados grupos de investigadores, laboratorios e empresas farmacéuticas participan abertamente, máis por activa que por pasiva, na comercialización interesada e particular das vacinas.

¿Como negociaron as altas instancias europeas os contratos asinados cos laboratorios e empresas produtoras de vacinas? ¿Coñecemos a lista de prezos reais que se puxo sobre a mesa á hora de fixar e asinar os acordos comerciais? Eu lembro a comisaria de Saúde da Unión Europea, a chipriota Stella Kyriakides, afirmar no seu día que, debido á natureza altamente competitiva do mercado das vacinas, a Comisión Europea estaba legalmente imposibilitada para desvelar a información completa contida nos contratos en cuestión. Xulguen vostedes o modelo de transparencia, diante de situación tan grave, e as formas democráticas utilizadas dende o primeiro momento.

Toda unha presidenta da Comisión Europea, a médica Ursula von der Leyen, viuse obrigada días atrás a recoñecer erros manifestos na estratexia de adquisición de vacinas por parte dunha UE que nin sequera permite o escrutinio dos contratos coas farmacéuticas aos deputados da eurocámara. E ten que remachar o panorama unha asesora do Goberno alemán, a neuróloga Frauke Zipp, denunciando o "groseiro fracaso" da UE, que non foi quen de negociar como sería debido e de ter realizado pedidos máis grandes de doses de vacinas aos laboratorios.

Mais mentres Europa batuxa nas súas propias impericias e incapacidades, vemos tamén como esta e as súas empresas farmacéuticas asociadas esquecen, con obscena prepotencia, a cooperación e a solidariedade internacional á hora de se posicionar en relación aos países pobres do planeta, que, dadas as circunstancias mercantís existentes, tardarán en recibir as vacinas. Porque prima o negocio lucrativo privado e non a saúde entendida como un dereito fundamental da humanidade. 

Comentarios