viernes. 13.12.2019 |
El tiempo
viernes. 13.12.2019
El tiempo

Europa xenófoba

NO ANO 2017 morreron afogados no Mediterráneo 3.115 inmigrantes, segundo as cifras oficiais. E no que vai de ano contabilízanse xa 785 persoas falecidas teimando en cruzar as augas do Mare Nostrum. O pasado 8 de xuño o buque Aquarius, despois de varias operacións de rescate no mar, algunhas delas de características dantescas, decidiu tomar rumbo a Italia con máis de 600 inmigrantes a bordo e o Goberno italiano prohibiulle tocar terra. A extrema dereita de Matteo Salvini, xenófoba e racista, decidía xogar co destino de varios centos de persoas, desprezando así, en clara actitude fascista, o valor da vida humana. E é de celebrar que, despois, o presidente español Pedro Sánchez tomase a decisión de ofrecer o porto de Valencia para acoller o barco ateigado de inmigrantes e refuxiados, 123 deles menores non acompañados, 11 nenos e 7 mulleres embarazadas.

Esta Europa na que vivimos está comesta polo virus da intolerancia, o que ten por consecuencia a violación de dereitos humanos e os crimes de odio e de racismo

O certo é que un estudo realizado pola Universidade sueca de Lund conclúe que a xenofobia ten aumentado na maioría dos países europeos, sinalando que en 19 dos 23 países o 20% da poboación se revelaba como xenófoba. Eu lembro cando o presidente francés Sarkozy creou no seu día un Ministerio da Inmigración e da Identidade Nacional, dende o cal se lanzou unha campaña contra os xitanos, sendo detidos e deportados moitos deles a partir dun creado censo étnico-racial, operación esta que tivo unha excelente acollida nas dereitas europeas, e sobre todo na dereita e na extrema dereita italiana. Mais nos últimos anos a xenofobia, o racismo, a intolerancia e diversos fascismos de novo cuño teñen cobrado en Europa unha notábel realidade que chega a pór en cuestión os valores democráticos dunha Unión Europea que, sobre o papel, insiste en reclamar a inclusión, a tolerancia, a xustiza, a solidariedade e a non discriminación. A UE expresa nos seus principios que a dignidade humana é inviolábel, que debe ser respectada e protexida e que constitúe a auténtica base dos dereitos fundamentais.

Xulguen vostedes. ¿Cumpre isto a Europa actual? Esta Europa na que vivimos está comesta polo virus da intolerancia, o que ten por consecuencia a violación de dereitos humanos e os crimes de odio e de racismo. Pobres Schiller e Beethoven, que nunca coidaron que o Himno Europeo, no canto de ser un canto de fraternidade, acabaría sendo o himno dunha Europa convertida nunha multinacional económica e comercial sen alma.

Europa xenófoba
Comentarios