Opinión

Familia cleptómana

A CLEPTOMANÍA defínese como unha enfermidade mental que consiste en roubar sen máis, aínda que a palabra e o seu significado, que inclúe o verbo grego klepein (roubar, ocultar), foi orientada, xa dende época vitoriana, para designar especialmente a ladróns ou ladroas, digámolo así, con pedigree. ¿E cal é a familia cleptómana española por excelencia, e nunca mellor dito? A resposta é inmediata: a familia Franco.

Hai uns días un xulgado de primeira instancia da cidade da Coruña admitiu a trámite a demanda presentada pola Avogacía do Estado para lle reclamar á familia do ditador a devolución do Pazo de Meirás. E é que o Pazo que fora un día propiedade de Emilia Pardo Bazán forma parte do que se coñece como "botín franquista": a pillaxe, o latrocinio ou a rapina levada a cabo por tal familia e que constitúe todo un capítulo negro da historia universal da infamia. Ao latrocinio do Pazo, hai que sumar a Casa Cornide da Coruña (antiga propiedade do Ministerio de Educación), as esculturas do Pórtico da Gloria realizadas polo Mestre Mateo (capricho persoal de Carmen Polo), dúas pías medievais (unha bautismal) da igrexa de Moraime, e numerosas obras de arte, entre cadros, mobles antigos, xoias diversas e todo tipo de obxectos de valor artístico e histórico que foron presa dos intereses cleptomaníacos da familia.

En fin, o da familia Franco pode cualificarse, sen dubida, como un "macroespolio", algo que investigadores como Carlos Babío teñen demostrado amplamente. E o tal macroespolio, até agora sen consecuencias legais, pois a familia segue a campar ás súas anchas, constitúe unha gran mancha negra na historia da democracia española. En Chile, por exemplo, o Tribunal Supremo ditou que a familia Pinochet debería devolver ao Estado máis de 1,6 millóns de dólares, despois de investigar a fortuna do ditador e xenocida chileno, que mantiña 127 contas secretas no banco Riggs dos EE UU que sumaban 27 millóns de dólares. E a Corte Suprema chilena determinou que unha parte do patrimonio da familia Pinochet fora configurado grazas a "actos puníbeis de subtracción de patrimonio público".

España sempre foi different. Mais tal vez agora esteamos ás portas de que se faga xustiza e se investigue e se lle pidan contas á familia do ditador Franco por espolio continuado do patrimonio público e por actos de pillaxe que deben ser obxecto de condena e reparación.

Comentarios