domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

Festas

O pasado martes falecían en España 537 persoas con diagnóstico de covid positivo e ao día seguinte a cifra de mortos diarios baixaba a 369. Por outra banda, o número global de contaxios dende o inicio da pandemia xa supera, segundo a estatística, o millón seiscentos mil, e a incidencia acumulada por 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas pouco baixou de 350. Dende o comezo da pandemia faleceron en España 44.037 persoas con proba diagnóstica positiva, seguindo os datos do Ministerio de Sanidade, e na actualidade hai 15.986 pacientes ingresados por covid: 2.838 en Uci. Esta é, a día de hoxe, a realidade. E todo indica que chegaremos ao Nadal con serios problemas por mor do número de persoas infectadas e cunha cifra de falecementos que debería levarnos a unha reflexión radical sobre as medidas sanitarias e sociais a seguir.

En plena pandemia, con máis de 1,4 millóns de mortos no planeta (1.605.066 casos de infección en España), ¿tan difícil sería non celebrar nas casas e noutros ámbitos, con convidados e familiares diversos, as denominadas festas natalicias? As restricións seguidas nas últimas semanas, con certeza, farán baixar a incidencia pandémica en decembro. E haberá festas, celebracións familiares, relixiosas e amicais a esgalla. Xa os gobernos están marcando as liñas para que así sexa. ¿Mais, coa garda baixa e a cautela perdida no contorno, non se estará a adiantar, pasado o Natal, unha terceira vaga da pandemia en pleno inverno?

A festa, como di Simone de Beauvoir, é unha "ardente apoteose do presente", pois nela expóñense e dialogan os corpos felices, entre risos, bebidas e manxares, cánticos e bailes. E todo iso vai dirixido ao futuro ou faise cara ao futuro. De aí que a gran festa será a que celebremos o día no que o virus que nos asola sexa eliminado para todos, para todo o mundo.

E mentres non chega o tal día, que chegará, é mellor non celebrar festas que poidan empeorar a situación, aumentar os contaxios, provocar novas masas epidémicas, traer máis morte e estrago. Porque do que se trata é de que o microbio non pase duns corpos a outros. E as festas, as realizadas con carácter aberto, son un perfecto caldo de cultivo para que o traslad se produza. Convén reflexionar a fondo sobre o tema. É un problema de responsabilidade individual e colectiva. Menos festas comprometidas e arriscadas e máis saúde e vida no futuro.

Festas
Comentarios
ç