Opinión

Gabanza da fraternidade

DICÍA O filósofo catalán Antoni Domènech, tristemente falecido este pasado 17 de decembro, que o concepto de 'fraternidade' significaba en 1790 —cando se acuña a divisa 'Liberdade, Igualdade, Fraternidade'— que todos os cidadáns debían formar parte, tamén os pobres, os humildes e os que para existir socialmente teñen que pedir permiso a outros, dunha necesaria universalización da liberdade, da solidariedade e da igualdade.

Antoni Domènech, alumno de Emilio Lledó e compañeiro de Wolf-gang Harich, é autor dun libro fundamental sobre a fraternidade o terceiro valor republicano tan esquecido no mundo político actual—, que leva por preciso título El eclipse de la fraternidad. Una revisión republicana de la tradición socialista (2004), catrocentas setenta e tres páxinas altamente recomendábeis de lúcida filosofía política.


A fraternidade debe ser un principio de tipo programático humanista dirixido á realización dunha plena democracia


Sabido é que o concepto de fraternidade procede do ámbito familiar, mais para un Robespierre ou un Marat —aí se expande a noción— este pasou a significar unha vía ideal para o acceso das clases domésticas e subalternas á maioría de idade, plasmándose así unha visión dos cidadáns como homes de pleno dereito e emancipados en irmandade. ¿E que quixo dicir o poeta Friedrich Schiller na Oda á alegría (1785), musicada por Beethoven, cando clama "¡Todos os homes irmáns serán!"? A Oda de Schiller é na actualidade o Himno da Unión Europea e un sente certa vergoña dunha unión política e económica que canta á alegría e á fraternidade mentres exhibe unha falta de solidariedade e un desprezo polos dereitos humanos, véxanse os refuxiados, que farían enrubescer ao poeta clasicista de Weimar e ao autor da Novena sinfonía.

A lectura da obra indispensábel de Antoni Domènech lévanos a considerar a fraternidade non só como un comportamento necesario de interrelación e solidariedade entre os seres humanos senón tamén como unha obriga de carácter ético e político, pois o ideal da 'cidade fraterna' fainos a todos cidadáns iguais e libres en posición e en valor social. E a min non deixa de interesarme tamén a posición de Antonio M. Baggio, profesor da Facultade de Filosofía da Pontificia Universidade Gregoriana de Roma, que afirma que a fraternidade debe ser unha esixencia mesma da política, do espazo público, un principio de tipo programático humanista dirixido á realización —liberdade e igualdade sumadas— dunha plena democracia.


Comentarios