Opinión

Guerra económica e medicamentos

LEMBRAN VOSTEDES cando o Goberno español mercou no seu día arredor de 15 millóns de unidades do antiviral Tamiflu para lle facer fronte á gripe aviar? Que foi de todo aquilo? Séguese hoxe co covid-19 unha estratexia semellante de oferta-adquisición no tocante a determinadas empresas farmacéuticas? A cidadanía, como sería lóxico, debería ter toda a información e recibir todas as explicacións, con letras e cifras, con datos completos, en definitiva, ao respecto.

Como ben se sabe, a denominada "comunidade científica" expresa diferentes opinións e manexa diferentes criterios sobre a pandemia do coroavirus, e en moitas ocasións semella que á par do "científico" pesa o ideolóxico, o xeográfico e o económico. A doutora Míriam Alía, con gran experiencia de vacinación en guerras e campos de refuxiados en África, reclama máxima transparencia pública diante do "márketing" que, arestora, se exhibe nas guerras comerciais entre laboratorios e países no que atinxe ás vacinas para o covid.

¿Acaso non se está a vivir unha verdadeira guerra fría entre os EE.UU. e a China, coa avanzada das multinacionais fabricantes de vacinas e a influencia destas nos medios de comunicación e nas "bolsas"? O barullo propagandístico resulta atroador e a claridade en canto a datos reais, ratificados pola realidade e polo método científico, brilla pola súa ausencia. Aquí priman, en primeira instancia, os principios mercantís e as martingalas xeopolíticas, porque debe gañar o negocio (lucro privado), que diso se trata na fin de contas. ¿Non debería existir unha cobertura universal das vacinas? Os medicamentos e as vacinas contra o covid-19 deberían declararse bens públicos de carácter universal, rachando de vez coas "patentes" que sempre acaban prexudicando aos países pobres e, nun tema de vida ou morte como o que temos por diante, provocando en suma un xordo terror contra unha boa parte da humanidade.

A doutora Roselyn Lemus, especialista en bioloxía molecular no Instituto da Saúde de Washington, fala ben ás claras dunha carreira política polas vacinas. E en certos ámbitos do poder comunicativo que máis nos afecta pouco ou nada se fala, por exemplo, das vacinas chinesas ou rusas. Cando é certo, como preconiza Amnistía Internacional, que se trata, canto a vacinas e medicamentos, de dereitos humanos. Vacinas para todos entendidas como un ben público mundial. O desexábel.

Comentarios