Opinión

Guerra xurídica

Iñaki Gabilondo asegura que este tipo de guerra existiu, sen dúbida, contra o grupo político Podemos dende o ano 2014

Unha maioría de xornalistas e comunicadores, por non dicir todos, utilizan o termo ‘lawfare’ (‘law’: lei ou dereito, e ‘warfare’: guerra ou conflito) para se referir ao uso, cada vez máis común, de procesos ‘legais’ para inmobilizar politicamente, ou destituír, a quen ocupa cargos públicos de relevancia. Dito doutra maneira, a ‘guerra xurídica’ —esa é a expresión que debemos utilizar: o outro é colonización lingüística do inglés— é unha persecución xudicial organizada contra unha personalidade política, case sempre de carácter progresista, a partir de determinadas estruturas sociais e mediáticas que procuran a morte política, e a morte social e xurídica, da figura notábel a abater.

Ao fío disto leo na prensa brasileira que o ex presidente Lula da Silva, obxecto dunha teimosa persecución xudicial aberta en varias frontes dende hai anos, supera xa as 20 absolucións por parte dos tribunais, demostrándose así a súa inocencia absoluta: mais ninguén vai reparar os 580 días de cárcere ilegal sufridos nin o sufrimento persoal e familiar ao longo de máis de cinco anos de ‘caza’ político-xudicial. O caso do Brasil, sen dúbida, é un dos máis ‘estarrecentes’ no que atinxe ás guerras xurídicas levadas a cabo na América Latina —lembremos que tamén incluíu, ademais da detención de Lula, a destitución da presidenta Dilma Rousseff—, mais a xudicialización selectiva e ‘teledirixida’ tamén afectou a líderes e movementos progresistas de Chile, Perú, Honduras, Arxentina, Paraguai, Ecuador e Bolivia.

¿Lémbranse vostedes, por exemplo, dos casos de Manuel Zelaya, en Honduras; de Fernando Lugo, no Paraguai, ou de Rafael Correa, no Ecuador? Por non falar do golpe de estado expreso e directo levado a cabo contra o presidente lexítimo boliviano Evo Morales, obrigado, máis alá da guerra xurídica, a renunciar ‘manu militari’ á presidencia para ser substituído, grotescamente, pola presentadora de televisión Jeanine Áñez, na actualidade condenada a dez anos de cárcere polos delitos de ‘incumprimento de deberes e resolucións contrarias á Constitución’, en sentenza ditada polo Tribunal Primeiro de La Paz.

¿E existe ‘guerra xurídica’ en España? Un xornalista como Iñaki Gabilondo, todo un referente da ética da información, asegura que este tipo de guerra existiu, sen dúbida, contra o grupo político Podemos dende o ano 2014 e, en particular, contra Pablo Iglesias. Ou non?

Comentarios