lunes. 20.01.2020 |
El tiempo
lunes. 20.01.2020
El tiempo

Hitler na Terra Chá

Fabulamos coa posibilidade de que o propio Adolf Hitler tivese usado o aeródromo de Rozas como lugar de escala na súa fuxida a Sudamérica unha vez perdida a guerra

LEMBRO CON absoluta clareza dende moi neno, ben a ollalas dende as fiestras altas da miña casa de Cospeito, ben a admiralas nos lonxes dende os outeiros que eu gustaba visitar a miúdo, as 3 antenas dos alemáns instaladas no Arneiro, de 112 metros de altura a principal, e outras dúas só un pouco máis baixas que a anterior. Os nenos non sabíamos moi ben a función que cumprían aquelas 'torres', para que estaban alí e por que chegaran a formar parte xa case natural dunha paisaxe chairega que, aos poucos, eu comezaba a descubrir, a sentir e a amar. Mais houbo un día no que chegaron aos meus ouvidos, como un estralo estraño, as palabras 'nazi' e 'Hitler'.

Acabo de ler -e aí disparouse a miña memoria- un artigo do escritor e xornalista Eduardo Rolland titulado precisamente Elektra Sonne, as antenas de Hitler en Lugo, no cal o autor dá conta de que a Alemaña nazi ergueu na Terra Chá, no Arneiro, parroquia de Goá, un importante complexo de comunicación tanto para os submarinos e barcos alemáns como para os avións da Lufwaffe. Para Eduardo Rolland o III Reich fixo da Terra Chá de Cospeito un punto vital para o desenvolvemento da Segunda Guerra Mundial, dado que as torres de comunicación por radio chairegas configuráronse como un sistema de alta eficacia para ser utilizado por avións, barcos e submarinos nazis no Atlántico Norte, ofrecendo unha cobertura de 1.000 millas cunha alta precisión, o que permitía cubrir unha ampla zona do océano Atlántico, mesmo en dirección a América.

Non resulta difícil imaxinar que o propio Hitler estaba altamente satisfeito do complexo de Cospeito, como o estaba tamén -a colaboración con Franco resultáballe perfecta- do aeródromo de Rozas, en Castro de Rei, inaugurado no ano 1943 e construído, como non, pola Lufwaffe, seguindo ordes do Führer e en complicidade co Xeneralísimo.

A pista do aeroporto de Rozas, como alguén lembrará, chegou a ser mesmo utilizada no seu día pola Compañía Iberia durante dous anos, e este cronista ten 'fabulado' con amigos próximos sobre a posibilidade de que o propio Adolf Hitler tivese usado o aeródromo de Rozas como lugar de escala na súa fuxida a Sudamérica unha vez perdida a guerra. Pois máis de un pensa que o xenocida alemán non se suicidou no seu búnker de Berlín, e que foi axudado pola ditadura franquista para levar a cabo a súa fuga ao continente americano. Xulguen e opinen vostedes.

Hitler na Terra Chá
Comentarios