Opinión

Horizontes teatrais

Non existe a día de hoxe un plan estratéxico que dote o teatro dos recursos necesarios, obxectivos incluídos, para o seu desenvolvemento

CAEU NAS miñas mans un deses libros —1.000 páxinas a se abriren nunha lectura atenta de verán— que enchen moitas horas de bo estudo, coñecemento e reflexión, e que resultan necesarios e mesmo "urxentes" dada a natureza do tema que tratan: materia de suma importancia cultural no máis amplo sentido, de gran transcendencia artístico-social e de extraordinaria delicadeza no seu desenvolvemento, mantemento e perspectivas de futuro. Trátase da obra Deseñando horizontes. Situación actual, orixe e planificación do futuro do teatro galego (Consello da Cultura Galega, 2022), un volume que recolle os textos das intervencións presentadas no I Congreso Internacional do Teatro Galego, celebrado en Santiago de Compostela no outono de 2020.

En primeira instancia hai que parabenizar á Academia Galega do Teatro, organizadora do Congreso e nai do monumental libro de actas do que falamos, e aos esforzados editores da obra, que son catro persoas ben coñecidas e recoñecidas no ámbito académico e cultural do noso país: Carlos Caetano Biscainho, Carlos Lorenzo Pérez, Francisco Oti e Dolores Vilavedra. Outra referencia de carácter artístico e cultural para nós, a actriz, escritora e presidenta da AGT, Imma António Souto, di ben ás claras que é preciso —velaí o Congreso e o libro— acadar un consenso sobre o camiño a seguir polo teatro galego de cara á vindeira década, porque non existe a día de hoxe un plan estratéxico que dote o teatro dos recursos necesarios, obxectivos incluídos, para o seu desenvolvemento de aquí ao ano 2030.

E nesas andamos. Como ben di Cristina Domínguez, que foi directora do CDG, cando nos asolagou o tsunami do covid-19 xa as artes escénicas galegas se atopaban nun momento delicado: "Dende o ano 2009 obsérvase un decrecemento evidente, drástico e continuado no número de funcións teatrais realizadas en Galicia". E Håkan Casares Berg, con datos obxectivos na man, conclúe que as artes escénicas foron o sector máis danado pola pandemia dentro do ámbito cultural galego: "O 82,4% das súas empresas non puido manter a actividade durante o confinamento, unha porcentaxe que case dobra a do conxunto total das empresas culturais galegas".

"O teatro —escribiu Lorca— é un dos máis expresivos e úteis instrumentos para a educación dun país e o barómetro que marca a súa grandeza ou o seu desmaio". Mil páxinas de horizonte teatral dan para moito.

Comentarios