Opinión

Hotel Bela Fisterra

Cando un pensa no Hotel Bela Fisterra non pode, en boa parte, evitar a lembranza do mexicano Hotel California da canción virtuosa dos Eagles, mais en primeiro plano xorde a memoria do histórico Hotel Formentor de Mallorca, construído en lugar ben fermoso da costa da illa en 1929, que acabaría acollendo as célebres Conversas Poéticas de Formentor, coordinadas por Camilo José Cela, e mesmo o Premio Formentor de literatura, creado por Carlos Barral, Einaudi e Gallimard, por citar agora mesmo tres editores como tres estrelas.

O Hotel Bela Fisterra, situado á beira da praia fisterrá d’A Langosteira, en pleno Camiño de Santiago da fin da terra e hotel literario onde os houber, foi seleccionado polo comisariado da exposición ‘Galicia Futura: todo o que imos ser’ para figurar entre as realidades da Galicia actual que teñen proxección no futuro, e non só na Galicia mesma senón tamén, dende o ámbito cultural, social, económico ou patrimonial, no conxunto do espazo europeo e internacional. Obra do xornalista e empresario fisterrán Pepe Formoso —e non podo esquecer aquí o poeta e empresario arxentino Adán Diehl, creador do Hotel Formentor—, o Hotel Bela Fisterra foi deseñado polos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco no ano 2018, e en poucos meses, coa colaboración de Xosé Teiga Studio, xa estaba representando ao Estado español na Bienal Iberoamericana de Deseño.

Yolanda Castaño e Juan Carlos Mestre, entre outros escritores, poetas, músicos e artistas —Bieito Romero e Luar na Lubre, e Manoele de Felisa, tamén compareceron no hotel Bela Fisterra—, contribuíron a fixar no tempo a imaxe do hotel fisterrán como un espazo aberto á creación artística e particularmente á literatura e á poesía. E o público, os usuarios ou hóspedes, así o recoñecen cando nas paredes dos cuartos, fermosos e ideais, conviven coa resonancia das palabras mariñas de Manuel Antonio, Stevenson, Melville ou Hemingway.

Mais Pepe Formoso, o ideador e materializador do hotel literario Bela Fisterra, soubo ir máis alá do edificio e dos volumes e estancias que ofrece aos hospedados —formas todas para o benestar e o sosego— e converteu o hotel, sostíbel ambientalmente e enraizado na aura do lugar, nun epicentro cultural que resoa crecente en Fisterra, en toda a Costa da Morte e no conxunto do país. Todo un paradigma para o presente e para o futuro: crear riqueza e ofrecer beleza.

Comentarios