Opinión

Ideas políticas de liberdade

LEO NUN Dicionario Filosófico, obra do profesor Pelayo García Sierra, que os diversos conceptos mundanos e académicos do termo liberdade constitúen unha "constelación moi escura, unha nebulosa". E entre eses conceptos mundanos de liberdade, tan utilizados dende algún discurso político, chegou a establecerse, por exemplo, que a defensa da tauromaquia é hoxe máis que nunca a defensa da liberdade ou que esta última consiste en que unha persoa pode cambiar de parella e non volver atopala nunha mesma cidade nunca máis. Entre a estética teatral dos irmáns Álvarez Quintero e José María Pemán.

Tal vez fose o filósofo e xurista italiano Norberto Bobbio, dende a filosofía do dereito e dende a filosofía da política, quen mellor centrou no século XX o significado ou significados descritivos do concepto de liberdade. Bobbio di que unha reflexión sobre a liberdade só ten sentido se se apoia nun significado descritivo ben determinado e ben delimitado do termo. E o pensador turinés, crítico acérrimo de Berlusconi, acabou sabendo distinguir entre a liberdade de traza liberal (liberdade negativa), como facultade de realizar ou non realizar certas accións, e a liberdade democrática (liberdade positiva), que definiu como o poder de establecer leis, como unha forma expresa de autonomía.

En realidade, o uso político que se realiza hoxe do termo liberdade, dende diversas organizacións e por persoas ben coñecidas, revela unha notábel indixencia intelectual, falta de nobreza no plano político e persoal, e unha intemperanza ou desenfreo de xuízo que provocan unha degradación no entendemento racional do que significa ou representa o concepto de liberdade. Como ben se pode comprobar, fálase de liberdade con absoluta xactancia e insolencia, talmente como se se estivese en posesión total da verdade, dende un liberalismo ou extremismo de dereitas, tamén de comprobado carácter fascista, cando o certo é que, e non só no plano histórico, nunca a liberdade política e real formou parte dos seus afáns ou preocupacións.

¿Pode existir traza algunha de ética, tamén de ética política, cando se banaliza o concepto de liberdade e se converte este nunha idea para "vender" nun mercado establecido lonxe de toda noción asociada ao civil e ao social? A resposta neste caso é ben doada: non pode existir ética sen liberdade, da mesma maneira que non pode existir liberdade sen ética.

Comentarios