Opinión

Idioma propio

Que o galego é o idioma propio de Galicia, está escrito, afirmado e cantado con todas as letras, antes e despois de calquera lei

O Estatuto de Autonomía de Galicia di textualmente no seu Artigo 5.1 que o galego é "a lingua propia de Galicia". O Estatuto do País Vasco establece que o euskera é "a lingua propia do Pobo Vasco" (Artigo 6.1) e o Estatuto de Cataluña tamén fixa que "a lingua propia de Cataluña é o catalán" (Artigo 6.1). Os tres Estatutos, así é a realidade, son leis orgánicas do Estado español. Velaí, pois, as máximas normas democráticas vixentes no que atinxe aos tres vellos idiomas ibéricos conviventes co castelán, e no caso do galego, particularmente, pai e nai o noso idioma do portugués. No plano etimolóxico o termo ‘propio’, derivado do latín, produce tamén as palabras propiedade, propietario ou privado, polo que ben se entende que, nos casos idiomáticos, son os pobos, os territorios e as persoas deses pobos e deses territorios os reais ‘propietarios’ —á par da humanidade mesma— dos idiomas definidos por pura lóxica e determinación política democrática como ‘propios’.

Recentemente houbo algunha voz que elevou o ton, con mínima sensibilidade filolóxica e nulo amor ao idioma galego, para negar a existencia dunha ‘lingua propia de Galicia’, tal como recoñece o Estatuto, e aínda falou da práctica dunha imposición do galego e dunha persecución do castelán: visión esta máis propia, dada a realidade obxectiva e os datos estatísticos, dunha alucinación etioloxicamente delirante. Ou simplemente un abrocho de odio cara a nosa lingua. O idioma galego, como ben se sabe, está a sufrir un proceso de morte lenta, de esmorecemento gradual e paulatino. E o tempo e a conciencia cívica dirán o que teñan que dicir.

Que o galego é o idioma propio de Galicia, como se recoñece na norma democrática institucional, xa vén dado polo propio xentilicio ‘galego’, que é pura demostración de etnonimia. O idioma castelán ou castellano, como o seu nome indica, refírese a Castela ou Castilla, que acabará creando, por extensión política, a realidade que hoxe coñecemos como España. Mais que o galego é o idioma propio de Galicia está escrito, afirmado e cantado con todas as letras, antes e despois de calquera lei, na toponimia viva do país, nos nomes propios da nosa terra: dende Chandrexa de Queixa, Xermade, Sanxenxo, Tomiño ou Camariñas até O Vilar de Bocamaos, Verducido, A Cheda, Boiro, Cillobre ou Vilariño. Velaí o idioma propio de Galicia nas raíces mesmas da terra que nós somos.

Comentarios