lunes. 17.05.2021 |
El tiempo
lunes. 17.05.2021
El tiempo

Idiotización e educación

É ben notorio que existe un claro desprezo polas humanidades, ese conxunto de disciplinas, rico e diverso, que forma e conforma a cultura humana
 

BERNHARD HEINZLMAIER, fundador do Instituto de Investigacións da Cultura Xuvenil, radicado en Viena, non dubida en afirmar que a xente moza, en xeral, pensa hoxe segundo categorías de mercado, porque a xuventude vese a si mesma como mercadoría e actúa moi en conformidade co sistema: "puntual e concentrada, non representa un desafío para ninguén, nin escandaliza a ninguén". Heinzlmaier, profesor universitario, científico social e autor de numerosas obras de investigación de carácter sociolóxico, afirma tamén que na determinación dos contidos educativos na actualidade só conta a lóxica da economía, pois as horas docentes dedicadas ás artes, literatura e filosofía vense reducidas, ou eliminadas, porque estas materias non fornecen saber ningún en sentido económico.

O certo é que existen diversos estudos e investigacións de carácter científico que conclúen que a intelixencia media da humanidade está diminuíndo e que un proceso de idiotización humana, con fragrante perda de habilidades cognitivas, está xa en marcha. O historiador Fritz Ster quixo explicar isto no seu día, de xeito ben visíbel, aludindo a Donald Trump como unha mostra do aumento da estupidez e da idiotización nos EE UU, o que exemplifica que a idiotización do poder —a decadencia cultural occidentaloide estadounidense, como diría Leonardo Boff— é un feito.

Por desgraza, a cultura, o seu coñecemento e a súa práctica, non entra, como sempre recomendou a UNESCO, nas políticas de educación, nin nos eidos da ciencia, a comunicación, a saúde ou o medio ambiente, impedindo así o desenvolvemento dun sector cultural mediante formas e industrias creativas e propiciador de instrumentos de cohesión social. ¿Existe hoxe no espazo educativo unha visión da cultura como un verdadeiro corpo de coñecemento sobre a natureza, a sociedade e o ser humano en todas as súas dimensións e complexidade, como sempre defendeu o filósofo e sociólogo Edgar Morin?

É ben notorio que existe un claro desprezo polas humanidades, ese conxunto de disciplinas, rico e diverso, que forma e conforma a cultura humana. Lamentabelmente segue a estar de actualidade aquilo de Antonio Machado "de diez cabezas, nueve embisten y una piensa", e todo indica que o fracaso global da educación produce unha idiotización globalizada. Tal como mostra a película de Mike Judge, ‘Idiocracia’, onde asistimos a un futuro dominado por idiotas.

Idiotización e educación
Comentarios
ç