viernes. 13.12.2019 |
El tiempo
viernes. 13.12.2019
El tiempo

Importancia da filosofía

O ensino da Filosofía debe manterse ou ampliarse onde xa existe, implantarse onde aínda non existe e ser nomeado explicitamente coa palabra filosofía
 

FICOU BEN demostrado no tempo que a reforma educativa que supuxo a LOMCE, tamén coñecida por ‘lei Wert’, nunca fixo real, senón todo o contrario, o de "para a mellora da calidade educativa" que figuraba no seu título. Quen mellor definiu, ao noso ver, esta lei ‘partidista’ aprobada en 2013 foi, sen dúbida, o catedrático de Didáctica e Organización Escolar da UDC, Jurjo Torres, quen se referiu á mesma demostrando que era unha norma "conservadora, neoliberal, cínica, clasista, sexista e autoritaria". E eu engadiría: tamén contraria a sabedoría e ao coñecemento. Porque a LOMCE do infausto e nefasto Wert eliminou a disciplina de Historia da Filosofía, antes troncal, e fixo desaparecer Ética e Educación para a Cidadanía, permitindo deste xeito que se puidese rematar a educación obrigatoria sen coñecemento filosófico ningún.

Convén lembrar a Declaración de París, aprobada pola UNESCO (1995), na cal se di que o ensino da Filosofía debe manterse ou ampliarse onde xa existe, implantarse onde aínda non existe e ser nomeado explicitamente coa palabra filosofía, lembrando tamén que debe ser impartido por profesores cualificados e instruídos especificamente a tal efecto, e non estar supeditado a ningunha consideración económica, técnica, relixiosa, política ou ideolóxica. Como ben contempla a Red Española de Filosofía, o ensino da Filosofía é unha actividade que trata de introducir claridade conceptual nas proposicións da linguaxe científica de calquer disciplina e na análise lóxica da linguaxe ordinaria, mediante procesos de diálogo e argumentación racional. E engade: "É unha actividade teórica e práctica de carácter interdisciplinar e pode ser un bo instrumento para o diálogo intercultural".

Sobre este particular, o filósofo arxentino Eduardo Rabossi non dubida en afirmar que a filosofía debe ter por misión despregar as lecturas posíbeis do mundo actual para comprendermos como as cousas se relacionan entre si. Mais tamén é certo, como lembra Mar Carballo Cela, do Grupo Doxa de Filosofía, que a Filosofía é unha invitación a sermos auténticos e mellores, "porque nos anima a pensar por nós mesmos, a ser fieis á busca da verdade, e porque esa necesidade de buscar a verdade só pode xurdir en espíritos que ansíen perfeccionarse". Ou como deixou dito Gilles Deleuze: "A filosofía serve para detestar a estupidez e para denunciar a baixeza en todas as súas formas". 

Importancia da filosofía
Comentarios