Opinión

Inhumanidade

As imaxes de seres humanos apiñados, moitos deles mortos e outros feridos ou magoados en diverso grao, que se produciron en Nador, á beira mesma de Melilla, lembraban, con todo o seu realismo, un espazo de matadoiro terceiromundista a ceo aberto ou mesmo un ‘lager’, neste caso improvisado, que era o nome dado a un deses "campos de concentración e de exterminio" encargados por Hitler e usados pola Gestapo para liquidar ou suprimir, como diría Primo Levi, a homes que non eran homes. A visión dos xendarmes a zorregar con paos metálicos os corpos inertes no chan dos emigrantes ou a arrebolar o corpo dun home, como se fose mesmo un saco de patacas, contra outros corpos caídos redondos, tal vez xa mortos, batendo coa súa cabeza, sen máis, contra un valado, son sinxelamente unha estampa da barbarie, da atrocidade e da crueldade.

Mentres o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, vía como ‘bien resuelto’ o labor criminal dos xendarmes marroquís —despois, é certo, rectificou e ‘humanizou’ as súas palabras—, o secretario xeral da Onu, o portugués António Guterres, viu inaceptábel dende o primeiro momento o uso excesivo da forza policial e declarouse impactado por unha violencia exercida na fronteira que derivou na morte de ducias de migrantes e solicitantes de asilo. "Os dereitos humanos e a dignidade das persoas en movemento deben ser priorizados por todos os países", engadiu. E a Onu, como era de agardar, a través do seu comité para a Protección dos Traballadores Migrantes e as súas Familias, instou aos gobernos de España e Marrocos a abrir de xeito inmediato unha investigación exhaustiva "independente e transparente" sobre o salto tráxico do valado de Melilla. Veremos como acaba a cuestión.

Nun ensaio de Tomeu Sales Gelabert, filósofo e doutor na área de Filosofía Moral e Política, titulado "Lo humano, la deshumanización y la inhumanidad (Apuntes filosófico-políticos para entender la violencia y la barbarie)", o profesor balear afirma que hai vidas humanas visíbeis e vidas humanas invisíbeis, é dicir, cuxa morte é incapaz de xerar, no segundo caso, ningún tipo de lamento ou de dó. E iso mesmo, esa falta extrema de humanidade, é o que campou no salvaxismo criminal que tivo lugar en Melilla/Nador. É dicir, racismo puro e duro, desprezo absoluto pola vida e, polo tanto, inhumanidade en máximo grao. Un delito flagrante que non ten perdón.

Comentarios