Opinión

Joan Margarit en galego

ACABA DE saír do prelo, publicada por Medulia Editorial, unha antoloxía de 50 poemas de Joan Margarit traducidos ao galego. A tradución do poeta catalán, realizada por Luciano Rodríguez e titulada A viaxe da vida, debera ser valorada no noso país como un acontecemento cultural de primeira orde. No ano 1995, con tradución de Xavier Rodríguez Baixeras, vira a luz unha magna antoloxía da poesía catalá (250 páxinas) titulada Trece poetas cataláns, encabezada precisamente polo gran Joan Margarit, de quen Baixeras apuntaba ''esa capacidade para capturar innúmeros instantes de vida fuxidía e transformalos en verdade absoluta''.

Luciano Rodriguez, antólogo, tradutor e editor da obra do poeta de Sanaüja, afirma que Margarit soubo fundir na súa obra poética ciencia e poesía, memoria e vida, gozo e dor e ambición e realidade. Entre os temas máis tratados polo poeta catalán atopamos a guerra e a posguerra civil, a arquitectura (era o poeta de profesión arquitecto), a música, particularmente o jazz, e referencias diversas dun clasicismo que brilla en forma de coñecemento no fondal da súa obra. O xurado que lle concedeu o Premio Cervantes no ano 2019, dous anos antes de morrer, recoñeceu o interese dunha ''obra poética de fonda transcendencia e lúcida linguaxe innovadora'', que ademais representaba ''a pluralidade da cultura peninsular nunha dimensión universal de gran mestría''.

Por todo isto e polo amor que Margarit —cónstame— lle profesaba a Galiza, termos o poeta catalán traducido ao galego, agora e moi amplamente con Luciano Rodríguez, gran tradutor do catalán —velaí a súa tradución de Àlex Susanna—, é unha regalía e un privilexio que debera ter o máximo recoñecemento. A tradución de poesía, como ben dixo Octavio Paz, é unha operación análoga á creación poética, ''só que se desdobra en sentido inverso''. E iso sábeo ben, con clareza e con fondura, o profesor Luciano Rodríguez Gómez.

Joan Margarit, a quen lembro no ano 2008, en Santiago de Compostela, recibindo o Premio Rosalía de Castro do PEN Clube de Galicia, fóisenos en febreiro deste ano no que estamos. A súa poesía é unha chama que non deixa de alumar. En calquera idioma. Cando a poesía subsiste, brilla tamén na lingua que a recibe. E no caso desta ''viaxe da vida'' de Margarit ao galego cúmprese aquilo, o ''tan bon son'', que desexaba Afonso X cando o xenio do noso idioma se fundaba en si mesmo.

Comentarios