Opinión

Lecturas e realidade

Sei que teño que ler varios libros, algúns xa adquiridos e outros aínda á espera de o seren. Nos últimos tempos leo maioritariamente obras de ensaio filosófico, político e, en xeral, de humanidades; e tamén leo poesía, madia leva, esa forma de veleno que se infiltra na cabeza e alimenta. No ámbito da poesía teño que entrar no monumental espazo creado por Saint-John Perse (Obra poética, 1904-1974), agora traducido do francés ao castelán por Alexandra Domínguez e Juan Carlos Mestre. E teño para min que esta nova tradución de Perse ao idioma de Góngora será xa insuperábel.

Mais, como son lector dilixente e moi persoal, non deixo de ler obras literarias narrativas, novela de xeito principal. Sei que teño que ler os últimos títulos de Blanca Riestra, de Ramón Loureiro, de Inma López Silva e de Riveiro Coello, catro nomes para min fundamentais. E teño que ler igualmente a última novela de Berta Dávila, titulada Illa Decepción. No ano 2007, cando a escritora compostelá publicaba a súa primeira obra literaria, un libro de poemas, eu escribía no seu limiar que a autora acabaría escintilando como un "astro no futuro". Case quince anos despois, e dada a súa brillante traxectoria literaria, non andaba eu moi trabucado.

A lectura de boas obras literarias, sen dúbida, prodúcenos emoción e coñecemento. E unha profunda sorpresa renovada. Ler o literario é tamén, digámolo así, unha forma de ler a realidade. Ou, como di o profesor Carlos Barral Zegarra, a lectura é en si mesma unha crítica da realidade, unha práctica que implica a lectura constante da realidade. Talvez por iso o día a día, fóra do estritamente literario, produce personaxes que calquera escritor ou escritora amarían para o seu relato puramente real, e teño en mente de xeito particular o realizado por Valle-Inclán. Vexan senón a presidenta madrileña Díaz Ayuso cando afirma que no denominado hospital Zendal "cada vez que hay un problema con el agua caliente, como pasó el otro día, es porque una persona no supo darle al agua caliente, y ya somos noticia". Tanta noticia ou lectura da realidade como que unha deputada da ultradereita pida o premio Nobel da Paz para Donald Trump e que unha actriz como Anabel Alonso, con sarcasmo e lucidez a partes iguais, lle pregunte de inmediato: "E beatificar a Hitler?".

Leamos libros, bos libros, para salvarnos da realidade grotesca que nos persegue.

Comentarios