Opinión

Liberdade

ANDAN A dereita e a extrema dereita políticas servíndose todo o tempo da palabra liberdade, que resoa en diversos espazos -Congreso dos Deputados incluído- como un mantra que nace amañado en si mesmo, pois é ben sabido que a defensa da liberdade individual nunca estivo presente nos discursos e na acción das dereitas españolas, a non ser a liberdade delas mesmas para impor o seu ditado. ¿Acaso as forzas conservadoras e de dereitas, tradicionais e extremas, non impuxeron sempre as súas ideas de familia, propiedade e moral mesmo por diante do concepto de democracia?

Chama poderosamente a atención o uso tan repetido da palabra liberdade en boca dos admiradores de Trump e de Bolsonaro, moitos deles nostálxicos de Franco e con memoria nada fraca -retentiva, en positivo- a respecto das andanzas do Führer ou do Duce. Eu, cando escoito tanto balbordo libertario nas dereitas extremas, teño que acudir a aquela definición elemental de liberdade realizada por Stuart Mill, quen establecía que esta é o dereito de cada persoa a procurar o seu propio ben, «en tanto que non se intente privar dos seus bens a outros». Mais resulta que a algueirada libertadora existente teima en privar de dereitos e bens a todos os que non comungan coas súas ideas, tan claramente próximas á doutrina neoliberal cando non anexas ao catecismo fascista.

Falar de liberdade cando se propugnan ideais xerarquizadores e antidemocráticos no social, e principios de obediencia a un determinado dogma no político, é unha clara antinomia. Mais os movementos totalitarios, como resulta evidente, tratan de apropiarse de termos tan nobres como liberdade ou convivencia e crear ámbitos ou espazos de confusión semántica para perverter, en beneficio propio, o seu significado. Véxase, por exemplo, a organización política de extrema dereita austríaca denominada Partido da Liberdade de Austria (segunda forza en Viena), que no Parlamento Europeo forma parte do grupo Identidade e Democracia, anteriormente designado Europa das Nacións e das Liberdades.

Jean-Paul Sartre afirmaba que os seres humanos están condenados a seren libres, pois estes -velaí a súa concepción existencialista do humanismo- son seres «en proceso». Mais eu, dadas as circunstancias, aposto agora por aquel Albert Camus que defendía a rebeldía do home informado, o home libre que posúe a conciencia dos seus dereitos. Ese sería o futuro.

Comentarios