domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

Lingüicidio

En pleno século XXI seguen a existir graves prexuízos e sombras de desprestixio que coutan ou reprimen o curso natural do idioma galego

O profesor Moreno Cabrera, da Universidade Autónoma de Madrid, define o lingüicidio como a actividade etnocida realizada co obxectivo de que unha determinada lingua deixe de falarse. E engade que esta actividade -criminal, diría eu- adoita levarse a cabo pola forza, prohibindo a lingua, relegándoa no ensino ou castigando severamente aos que a usan mediante un "lavado de cerebro" consistente en convencer aos que a falan de que se trata dunha lingua inútil, innecesaria, inferior, limitada, imperfecta, empobrecedora e inculta. ¿Sóalles isto aos lectores a respecto do idioma galego, tanto no plano histórico como, en boa parte, no momento actual?

O caso é que, cando a lingua galega perde falantes e esmorece sen pausa cara ao abismo da desaparición -véxanse informes e estatísticas-, medra en certos foros a desvergoña obscena de afirmar que é o castelán, aquí e agora, quen está en perigo de extinción fronte a un galego triunfante e "imposto". ¿Cabe máis cinismo, infundio e patraña ao respecto? Practicamente o 80% dos centros escolares galegos usan de xeito maioritario ou exclusivo o castelán na etapa formativa que vai dos 3 aos 6 anos. Ou dito dou-tra maneira: non chega ao 20% a porcentaxe de nenos e nenas que aprenden a falar en galego. ¿U-lo perigo de extinción do castelán? Xulguen vostedes mesmos.

O certo é que a xente nova está a rexeitar de xeito crecente o uso do noso idioma. Con datos do Instituto Galego de Estatística, xa o 24% dos mozos e mozas entre os 5 e os 14 anos non sabe nin sequera expresarse na lingua propia do noso país. O lingüicidio contra o galego está, pois, en marcha, e se non teñen lugar actuacións urxentes no plano político e social resulta imparábel. Vivimos un proceso de glotofaxia e, de seguirmos así, dada a creba da transmisión interxeracional do idioma propio, estamos ás portas de crearmos unha lingua morta.

En pleno século XXI seguen a existir, por parte de organizacións políticas e da maioría da dirixencia social, graves prexuízos e sombras de desprestixio que coutan ou reprimen o curso natural do idioma galego. ¿Ou é que un pobo deixa de falar o seu idioma porque si, sen máis? ¿Como se entende que o pai e a nai do portugués, o galego internacional da Galiza, viva a situación presente de "caída libre" no seu propio territorio orixinario? É a lucidez dos cidadáns e das cidadás a que debe e pode determinar o futuro.

Lingüicidio
Comentarios
ç