Opinión

Literatura da montaña

O SENTIMENTO pola Natureza é a máis refinada expresión da Civilización. Isto enunciábao un Unamuno que entendía que a natureza era un lugar de encontro co eterno, co intrahistórico, abrindo aí unha perspectiva de experiencia mística da paisaxe, como se esta, a través da contemplación vivida e da palabra escrita, acabase sendo un retrato da propia alma. Un poeta como Noriega Varela, que nace en Mondoñedo e morre en Viveiro, autor dun libro titulado Montañesas (1904), non dubida en proclamar que "a miña terra é a montaña", e resoan aqueles seus versos nos que di que agarda, contra o mar fero, gozar da "paz augusta" da montaña.

Mais é ben certo que van ser Anxel Fole e Uxío Novoneyra, narrador e poeta, quen conecten, por viviren e sentiren a montaña de xeito radical, cun espazo que, no plano simbólico, obtén valencia cósmica, sendo así que a montaña pasa a ser "centro" ou "eixo" do mundo, como ben se apreza na poesía courelá de Novoneyra, recoñecida alfaia literaria, ou na excelente obra Terra Brava de Fole, forxada esta sobre unha paisaxe montañesa que o noso escritor ve "rexa, severa e grandiosa".


Uxío Novoneyra é, sen dúbida, un dos máis grandes poetas europeos da montaña, da "terredade", da polaridade terrestre


A paisaxe de montaña ou, mellor dito, o sentimento moderno da montaña, é unha realidade que Unamuno -que tamén foi filósofo paisaxista- identificou como un sentimento nacido na mellor literatura europea, un fenómeno este que se emparentaba co recoñecemento dun particular estado de espírito.

E nesta altura, entre o fondo coñecemento vivencial da natureza e o asombro espiritual fondamente emotivo, brilla e rebrilla a voz transcendente de Uxío Novoneyra. Diante do Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe, o poeta recoñece "o pouco que é un home", e a paisaxe maxestática da "serra aberta" -fuga do espírito- é denominada "inmensa antiga erencia".

José Ángel Valente tense referido a Uxío Novoneyra como unha voz poética "xurdida con fonda forza dos cumes do Courel", e é ben certo que a poesía montañesa do noso poeta responde con nidia exactitude ao símbolo da altura, da ascensión ou elevación física, porque a montaña é símbolo da tensión da terra cara ao ceo, ruptura de nivel, luz, fascinación e coñecemento. Novoneyra é, sen dúbida, un dos máis grandes poetas europeos da montaña, da "terredade" , da polaridade terrestre. A súa obra poética, nosa e universal, seguirá a medrar no tempo. A natureza, a montaña, o Courel, tomaron, con el, a palabra.

Comentarios