jueves. 14.11.2019 |
El tiempo
jueves. 14.11.2019
El tiempo

Mariñeiros

 

CANDO ESCRIBO estas liñas son catro os mariñeiros galegos que en apenas 24 horas, e en dous naufraxios, perderon a vida. E en Fisterra continúa a busca dun mariñeiro desaparecido. A estatística en Galiza dá conta dun mariñeiro morto cada mes e tamén se rexistran numerosos accidentes graves no sector do mar no noso país: un sinistro destas características cada catro días. Esa é a realidade. Manuel María referíase ao mar como un inimigo cruel que nunca cansa de cobrar vítimas humanas, e ese mar que identificaba o poeta de Outeiro de Rei está hoxe dramaticamente de actualidade.

Téñense realizado estudos que confirman que arredor do 80% dos mariñeiros que perden a vida no Estado español son galegos, e tal grao de sinistralidade no mar obriga a investigar, un por un, todos os accidentes marítimos que se producen nas nosas augas. Mais xorde, inevitábel, a pregunta. ¿Investíganse todos os accidentes marítimos como é debido? Existe unha Convención para a Seguridade da Vida Humana no Mar de Nacións Unidas e en España, dende o ano 2001, estaba recoñecida unha Comisión Permanente de Investigación de Sinistros Marítimos, que na actualidade, a partir de 2009, recibe o nome de Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), dependente do Ministerio de Fomento. ¿Débense máis os sinistros no mar a un exceso de confianza dos responsábeis dos barcos dadas certas condicións marítimas adversas ou son produto de fallos ou eivas materiais de variado tipo?

Con datos do ano 2015, dun total de 38 accidentes marítimos producidos no noso país só foron investigados 6. ¿É isto de recibo? Sábese, por exemplo, que, en máis dun caso, os mariñeiros afogados en 2015 non levaban posto o chaleco salvavidas ou que as condicións marítimas e meteorolóxicas provocaron "perdas de estabilidade" en relación co tipo e tamaño da embarcación. O certo é que a pesca comercial mariña en Galiza é unha actividade ou ocupación altamente perigosa e hai estudos que poñen de manifesto a necesidade de adoptar medidas urxentes para propiciar a mellora das condicións de traballo dos mariñeiros, o que incidiría, obviamente, na súa seguridade.

Hai que evitar, botando man de todo tipo de medidas, políticas e de carácter preventivo, por suposto, que o mar, parafraseando ao gran poeta Manuel Antonio, non siga a facer dos barcos cadaleitos: "sen o Mar e sen o barco, nós".

 

 

 

 

Mariñeiros
Comentarios