Opinión

Meirás

ANDABA EU días atrás remexendo libros e documentación sobre o topónimo e patronímico Meirás, e os seus próximos Meira ou Mera, e certas etimoloxías levábanme a unha noción de néboa mesta e baixa, ou á poalla mesmo que esta chega a producir. Mais, por outras vías, tamén temos presente a raíz indoeuropea "m"r", que fai referencia á auga dun río ou manancial, de aí tamén Meiral ou Meirama. E don Eladio Rodríguez, partidario, para a extensa familia "mer", do significado de néboa húmida comendo o chan, cousa daniña ou nociva, dános conta no seu Dicionario Enciclopédico do idioma galego da existencia dun dito popular que deixa ben clara a cuestión: "A mera no San Xoán leva o viño e máis o pan".

O certo é que a néboa foi disipándose, ou esvaeceu de vez, digámolo así, sobre as tres torres de Meirás que configuran o pazo do mesmo nome, reconstruído entre os anos 1897 e 1907 por Amalia de la Rúa-Figueroa y Somoza, nai de Emilia Pardo Bazán, sobre as ruínas dunha casa "grande" fortificada que levantou nos finais do século XVI o tal vez clérigo e "señor" (das Mariñas de Sada) Rui de Mondego. O arquitecto supervisor do novo edificio das tres torres foi, por certo, Vicente Lampérez, amigo da escritora coruñesa, quen tamén interviría, ela mesma, no deseño do conxunto.

Agora -máis val tarde ca nunca- o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) acaba de condenar á familia Franco a devolver a propiedade do pazo de Meirás ao seu lexítimo propietario, que non é outro que o Estado, Galicia, Sada. Do fallo do alto tribunal despréndese que o xeneral Francisco Franco e a súa familia, xunto cos seus secuaces, practicaron o saqueo, o espolio e a pillaxe.

Meirás, en definitiva, é todo un símbolo do latrocinio e da rapacidade de Franco. Como ten demostrado o historiador Ángel Viñas, xa no ano 1940 a "fortuna" do ditador superaba ben, calculada en moeda actual, os 385 millóns de euros. O profesor Viñas, catedrático emérito da Complutense, ex funcionario do FMI e exembaixador da UE ante Nacións Unidas, non dubida en afirmar que a ditadura de Franco foi "un réxime absolutamente extorsionador". E velaí, como sinal máximo da usurpación, o pazo de Meirás. E as estatuas roubadas de Abraham e Isaac, obra do Mestre Mateo. E a Casa Cornide, do século XIX, situada na cidade da Coruña. A Xustiza debe seguir abríndose camiño.

Comentarios