Opinión

Mudanza

Lembraba eu estoutro día o soneto de Luís de Camões que leva por título ‘Mudam-se os tempos, mudamse as vontades’, e particularmente víñanme á lembranza os dous versos finais do primeiro cuarteto que se fixan así: "todo o Mundo é composto de mudança,/tomando sempre novas qualidades". O certo é que nos últimos días estiven de mudanza a unha nova casa, a unha nova cidade e a un novo mundo con novas cualidades.

Toda mudanza —e xa van varias ás miñas costas— supón unha pequena morte e, en tempo crecente, unha caste de rexurdimento, de resurrección. No exercicio implícito ou expreso da mudanza sempre se abre un horizonte e se constrúe un espazo que se enche de futuro inmediato, pois imponse a realidade con toda a súa capacidade de desenvolvemento e coas súas propias leis inexorábeis. Eu aprendín lendo a Jorge Luis Borges, posibelmente fillo de nai de orixe pontevedresa, que o tempo en si mesmo xa é mudanza e, se un quixer, para un ánimo de consolación, podemos acudir a Valle Inclán, quen afirma nun poema que "toda la vida es mudanza".

En realidade, en toda mudanza é inevitábel a percepción dun estado de perda, de extravío, acompañado este de fatigas varias e unha ansiedade que non ten doada explicación agás ela mesma nas súas notas de extenuación e impotencia certa. Mais a mudanza, convén que sexamos positivos, permítenos tamén ordenar o noso caos anterior, que sempre existe, e elevar unha nova harmonía, un novo ánimo de estrutura e sistema vital. Por iso eu, que son un bo coñecedor de mudanzas de casas e que sempre vivín de aluguer, defendo a mudanza como un antídoto case perfecto contra a síndrome de Dióxenes, pois trae limpeza, frescura e, se me apuran, unha sorte de reciclaxe mental que eu directamente denomino esperanza.

E permítanme as lectoras e os lectores que teña navegado neste artigo entre o persoal e o que os portugueses designan como "depoimento", que é unha forma moi especial de testemuña. Moitos de vostedes, de certo, viviron algunha vez a experiencia da mudanza. E saben moi ben do que falo. O importante é abrir os ollos a outro lugar, a outra parte da vida e a outra parte do mundo. E descubrir outras terras. Outra xente. Sentir outros ventos. Agora vivo nunha cidade que ten o mellor pan e as mellores patacas do mundo. Mar e praias no propio municipio e un universo rural, abrazado á pequena urbe, que é unha regalía. Saúde.

Comentarios