Opinión

Mulleres asasinadas

Diante da lacra do patriarcado e da violencia machista asasina, os Estados deberan actuar con máis dilixencia e decisión. E non o fan

NO ANO 2017, contabilizándomos todos os asasinatos de mulleres cometidos por homes no Estado español e sumándomos tamén todos os casos de asasinato por violencia machista, rexistráronse 98 crimes de ‘lesa humanidade’. E dicimos ben, de ‘lesa humanidade’, tomando como referencia o Estatuto de Roma, porque debemos entender o feminicidio como unha forma de xenocidio contra as mulleres, habida conta de que os Estados, ben á vista está, non garanten como deberan a seguridade das mulleres nin son eficaces á hora de actuar frontalmente contra a violencia machista asasina.

Para entender esta realidade criminal —mulleres asasinadas polo feito de selo— hai que recoñecer a existencia dunha supremacía masculina que se manifesta e actúa con absoluta impunidade a través do sistema patriarcal, resgardado este pola súa naturalización e xustificación social, como ben establece a ensaísta e investigadora Graciela Atencio, autora dun libro moi recomendábel para entender dende unha ampla perspectiva esta forma de criminalidade global: Feminicidio, el asesinato de mujeres por ser mujeres.

O sistema patriarcal ou patriarcado ("goberno do pai", en sentido literal) é, tal como o define a historiadora Gerda Lerner, a manifestación e institucionalización do dominio masculino sobre as mulleres e nenos ou nenas da familia, e a ampliación dese dominio sobre as mulleres na sociedade en xeral. O patriarcado chega a configurarse como unha forma de cultura primitiva que incorpora na súa base e na súa proxección un sistema de dominación sexual, producíndose unha opresión das mulleres e un dominio dos homes tanto nas relacións sociais como nas normas, institucións, linguaxe e outras formas de conduta que se producen tanto no plano político como no económico.

Diante da lacra do patriarcado e da violencia machista asasina, os Estados deberan actuar con máis dilixencia e decisión. E non o fan. É preciso levar a cabo programas de políticas públicas de igualdade, ben dotados economicamente, e é preciso, de vez, unha loita frontal contra a violencia machista, en todos os seus graos, centrada na educación e na prevención. Non realizar isto de xeito decidido — existe un Pacto de Estado sobre o tema que non se pon en marcha— é unha forma de conivencia, directa ou indirecta, co machismo asasino: unha forma máis, e non menor, de auténtico terrorismo social. Xulguen vostedes.

Comentarios