Opinión

Mulleres e tauromaquia

A Junta de Castilla y León, a través da súa Consejería de Cultura, dirixida por Gonzalo Santonja, acaba de crear un premio de Tauromaquia, dotado con 18.000 euros, para celebrar a súa relevancia artística e cultural e pola contribución e impacto que esta ten en distintos ámbitos da sociedade, pois "merece que sexa considerada pola súa achega ao saber, a arte ou o humanismo", máis alá do seu "valor ecolóxico", que tamén o ten, segundo Santonja. E, ao mesmo tempo que a tauromaquia pasa a ser celebrada con premio económico e toda a pompa, a mesma Junta suprime as bonificacións creadas para as empresas que contraten mulleres vítimas de violencia de xénero e as axudas destinadas para a integración da muller en actividades rurais. É dicir: tauromaquia, si; apoio ás mulleres, non.

¿Estarán de acordo con estas medidas os cidadáns demócratas e as persoas razoábeis de Castilla y León? Eliminar as axudas ás mulleres vítimas de violencia ou de discriminación laboral no rural son decisións que atentan contra os dereitos e contra o progreso individual das mulleres.  E, mentres iso acontece, a tortura e a morte dun animal, como defende o conselleiro Santonja, son unha forma de arte e humanismo; ignorando, neste caso, que a Organización das Nacións Unidas para a Ciencia, a Educación e a Cultura ten deixado ben claro que a denominada tauromaquia só é "a arte banal de torturar e matar animais diante dun público". 

Eu aínda lembro aquel xenial artigo de Rafael Sánchez Ferlosio, titulado ‘Patrimonio de la Humanidad’, publicado xusto hai agora dez anos, no cal o autor de ‘El Jarama’ acaba textualmente a peza xornalística coas seguintes palabras: "Mi ferviente deseo de que los toros desaparezcan de una vez no es por compasión de los animales, sino por vergüenza de los hombres". O artigo de Ferlosio —para o escritor os touros eran unha das manifestacións máis flagrantes da barbarie humana— tivo réplica taurófila de Mario Vargas Llosa, quen recoñecía vibrar de emoción e gratitude diante dun "espectáculo de tanta perfección", referíndose, claro está, á denominada, dende o ano 1846, como ‘fiesta nacional’ española.

A Junta de Castilla y León, en definitiva, co seu "tauromaquia, si; dereitos das mulleres, non" deixa ben claro, como di a filósofa Alicia Puleo, que as mulleres só están para que o ‘matador’, tan viril el, lles siga a ofrecer a morte do touro.

Comentarios