martes. 27.07.2021 |
El tiempo
martes. 27.07.2021
El tiempo

O mundo e as vacinas

SEGUNDO DATOS extraídos dun informe do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento, no ano en curso produciranse suficientes vacinas para abranguer o 70% da poboación mundial. Mais a inmensa maioría delas están reservadas para as nacións poderosas: os países ricos teñen recibido máis do 83% das vacinas e nos países pobres non chegan as mesmas ao 0,2%. A este ritmo, conclúe o informe, moitos dos países de ingresos baixos e medianos non atinxirán unha cobertura xeralizada de vacinas até o 2024 ou 2025, mentres o mundo rico segue a facer apaño (reservas e negocio) dos preparados fármacos.

O doutor Tedros Adhanom, director xeral da Organización Mundial da Saúde, non dubida en afirmar que estamos diante dun "catastrófico fracaso moral". E eu engadiría que, dadas as circunstancias da pandemia existente, estamos diante dun fracaso político e moral da humanidade; causado, iso si, polas elites que "dirixen" os países ricos e polo modelo político-económico que actualmente domina boa parte do noso presente e futuro inmediato.

Segundo estudos que sobresaen pola súa seriedade, precisaríanse arredor de 11.000 millóns de vacinas para inmunizar a poboación mundial. E, a día de hoxe, cos últimos datos na man, os países ricos xa superan en conxunto o 30% de cidadáns vacinados, mentres practicamente ningún país pobre chega a atinxir o 10% de persoas inmunizadas. Cando escribo estas liñas chega a información, vía prensa inglesa, de que a empresa anglosueca AstraZeneca, aínda prometendo subministrar a vacina a prezo de custe a perpetuidade, exclúe expresamente desta posibilidade a numerosas nacións de ingresos baixos e medios, entre as que figuran Sri Lanka, Angola, Timor-Leste, Zimbaue, Filipinas ou Honduras. Os contratos son os contratos e o negocio está servido.

¿Cando estará vacinada de xeito masivo a poboación das economías máis pobres do planeta? ¿Estará no ano 2024? ¿No 2025? Diante dun momento tan grave e crítico para a historia da humanidade, a falta de equidade na distribución das vacinas é un fracaso moral en toda regra. Triunfan as prácticas monopolísticas e os beneficios das grandes empresas farmacéuticas, e fracasa a sociedade mundial, aínda sabendo que a longo prazo —velaí a estupidez das elites—, se non hai vacinas para todos, globalmente para o planeta, o virus seguirá a estar aí, desafiando a saúde, ameazando a natureza humana.

O mundo e as vacinas
Comentarios
ç