Opinión

Neira Vilas sempre presente

Téñome referido ao Neira Vilas creador literario como un autor no que existe un humus que o identifica inexcusabelmente coa terra, co amor ás raíces

No ano 2021 que temos aí ás portas cumpriranse 60 anos, exactamente o día 5 de xaneiro, da publicación na Editorial Follas Novas de Buenos Aires da novela de Xosé Neira Vilas Memorias dun neno labrego. O proxecto de Follas Novas, está ben lembralo, nacera no ano 1957 da man de Neira Vilas e de Anisia Miranda, chegando a ser no seu tempo -editora, libraría e distribuidora- unha verdadeira casa viva do libro galego na Arxentina e en América. Sen dúbida, a novela Memorias dun neno labrego, tal vez a obra literaria narrativa máis popular en toda a historia de Galicia, é hoxe non só un texto clásico das nosas letras senón tamén un dos libros máis lidos, con varias ducias de edicións, e máis traducidos, a todas as linguas máis faladas do mundo, da literatura galega. Axiña veremos, por certo, unha nova edición en inglés e unha nova edición en alemán nunha segunda casa editora xermana, sendo que na Alemaña, vaia aquí este dato, a novela do noso autor foi incluída nunha colección de Literatura Universal.

Eu téñome referido ao Neira Vilas creador literario como un autor no que existe un humus -a súa obra segue viva e plena entre nós- que o identifica inexcusabelmente coa terra, co amor ás raíces. Mais ao mesmo tempo o mestre de Gres soubo tecer unha sorte de lealdade emotiva con outros horizontes, resultado -velaí a doce e fecunda Cuba- da súa experiencia vital. E, tal vez por iso, a memoria viva e dinámica, profunda, que latexa no escritor, fixo que a súa obra atinxise a permanencia e a universalidade.

A semana pasada reuniuse o padroado da Fundación Neira Vilas -do cal ten a honra de formar parte este cronista- e celebrouse en tal encontro a nova da creación do Día do Lector e da Lectora, xa oficial e anual cada 3 de novembro (natalicio de Pepe Neira Vilas), incorporándose así ao Calendario do Libro e da Lectura unha data entrañabelmente asociada ao noso autor. Xosé Neira Vilas, sen dúbida, é un dos escritores máis presentes no día a día da literatura galega contemporánea e a súa obra, cargada de memoria e dun realismo que se transforma en verdade local e universal, resiste absolutamente o paso do tempo e convértese no clásico que definía o escritor colombiano José Raúl Jaramillo: "Para min, os clásicos son eses autores ou libros que me conmoven". E velaí o brillo continuo e conmovente do autor de Memorias dun neno labrego. 

Comentarios