Opinión

O declive da razón

"A razón, sobre todo na súa derivación política, vive entre nós, sen dúbida, unha fonda crise"

O LINGÜISTA e politicólogo Noam Chomsky, que logo cumprirá 93 anos de idade, expresou recentemente que unha das ameazas que sofre a democracia é o que algúns teñen denominado a infodemia, "o forte declive do discurso racional, que é a única esperanza para afrontar as crises existenciais". E políticas. A vella idea ou concepto de razón como vía para obtermos un coñecemento fiábel, unha fórmula de verdade sobre o mundo e sobre nós mesmos, vive unha fonda crise. Talvez o que entendemos por intelixencia humana sufra na actualidade unha sorte de desvitalización, derivada esta dos sistemas educativos, ou ben ruinosos no que atinxe á planificación do coñecemento ou ben dirixidos, dende a política, ao que alguén ten designado como realidades pedagóxicas, ou anti pedagóxicas, dispersas que levan a unha desintegración do saber.

En todo caso, o esmorecemento da razón pensante e actuante, ferida de morte pola confusión vixente e a mercadoría falsa que circula ben protexida polos vasos comunicantes dos diversos poderes políticos e sociais, acaba por converter os individuos en simples espectadores dun mundo que provoca desorientación e impotencia. Unha sociedade culta e democrática debera ser a primeira interesada en cultivar a razón e o amor á verdade. Porque, seguindo a idea cartesiana, que propiciou un avance innegábel no entendemento do mundo, o camiño da razón lévanos indefectibelmente ao coñecemento da verdade.

Mais o certo é que vivimos –e lembro aquí o poeta medieval galego Airas Nunes– nunha sociedade na que impera a mentira e na que a razón é un espazo político, individual e social que semella perdido ou a piques de se perder. A pouco que reflexionemos sobre o que acontece no día a día, chegaremos á conclusión de que existe toda unha industria da produción da mentira que despreza, obviamente, calquera estrutura racional, pois imponse unha orde de conduta que só procura o seu propio éxito, a súa propia satisfacción.

E resulta evidente que na sociedade actual non interesa, dende os grandes núcleos ou centros de decisión política, a propagación de calquera caste de reflexión filosófica sobre a ética como estratexia para atinxirmos unha razón necesaria para un progreso comunal e democrático. A razón, sobre todo na súa derivación política, vive entre nós, sen dúbida, unha fonda crise. Mais segue a ser o noso mellor herdo. E o noso mellor futuro.

Comentarios