miércoles. 21.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 21.04.2021
El tiempo

O futuro do galego

Resoan decortío as palabras dun dos máis sabios entre os sabios escritores e lingüistas de nós, aquelas que din que o idioma galego ou é galego-portugués ou é galego-castelán, porque non hai outra alternativa: "um galego em oposiçom à vez ao portugués e ao castelam é impossível". A tal sentenza, ou máxima, se vostedes quixeren, figura nun libro de Carvalho Calero de obrigada lectura, publicado no ano 1981 en Lisboa e titulado ‘Problemas da Língua Galega’. E quérese dicir, carvalhianamente, que o isolacionismo lingüístico do galego remataría coa morte ou coa conversión do noso idioma nun dialecto castelán. Xúlgueno vostedes.

Xa o enxeñeiro informático José Ramón Pichel demostrou no seu día, en tese doutoral, que a distancia co castelán do galego oficial escrito dos nosos días é tan pequena que non estaría moi lonxe da que existe entre o castelán de Madrid e o de Buenos Aires; ou entre o castelán, diría eu, de Santander e o do sevillano barrio de Triana. É dicir, ou o idioma galego, pai e nai do portugués, se proxecta internacionalmente tendo en conta as súas inmensas coincidencias co portugués (velaí a gran proximidade mesmo do galego co brasileiro) ou acabará por ser, dadas as circunstancias, un dialecto «simpático» do castelán. A tese de José Ramón Pichel, por certo, sobresaliente e ‘cum laude’, foi xulgada polo profesor Marcos Zampieri (Rochester Institute of Technology de Nova York), pola profesora Rute Costa (Universidade Nova de Lisboa) e polo profesor Kepa Sarasola, un experto en procesamento de idiomas da Universidade do País Vasco.

Non cabe dúbida de que o idioma galego —a "lingua extensa e útil", que quería Castelao—, nas súas diferente variantes, é unha lingua global que se fala en todos os continentes: Europa, América, África (Angola, Mozambique), Asia (Macau) e Oceanía (Timor-Leste). É dicir, fálano, con pequenas diferenzas fonéticas, máis de 240 millóns de persoas no planeta. E velaí está o seu futuro. Sendo el mesmo, sendo o galego noso, da Galiza, é un idioma internacional. Por iso posúe un valor cultural e económico fóra de calquera dúbida. E debera ser declarado, o idioma que é hoxe o instrumento expresivo dunha das literaturas máis importantes de Europa, dende as cantigas medievais até Méndez Ferrín, pasando por Rosalía e Pondal, ‘Acontecemento de Excepcional Interese Público’. O futuro do noso idioma está nas nosas mans.

O futuro do galego
Comentarios
ç