jueves. 12.12.2019 |
El tiempo
jueves. 12.12.2019
El tiempo

O machismo é barbarie

Nos últimos 14 anos foron asasinadas no Estado español 1.000 mulleres, sempre a man das súas parellas ou exparellas

A BARBARIE pode moi ben ser definida, connotacións etimolóxicas á marxe, como unha particular forma de fereza e de inhumanidade que ten lugar na realización de accións de carácter individual ou colectivo. Ou dito doutro xeito, todo acto de barbarie implica opresión, subordinación e dominación. E neste contexto podemos afirmar que o machismo, como realidade obxectiva existente, é unha forma de barbarie. É máis, o machismo, ou o sistema patriarcal vixente —decidan vostedes sobre a expresión a utilizar—, ten establecido un sistema de poder e de dominación social naturalizador mesmo da violencia exercida sobre as mulleres; unha violencia, tantas veces invisibilizada, que nos traslada unha imaxe estrutural de barbarie.

No seu día Roxa Luxemburgo chegou a afirmar —corría a década dos anos 30 do pasado século— que aínda estaba a sociedade a tempo de poder elixir entre democracia ou barbarie, e no noso tempo, nos días que vivimos, ben poderíamos expresar que é preciso tomarmos conciencia da elección necesaria entre unha sociedade xusta e feminista ou a perpetuación do machismo patriarcal como modelo de barbarie. A feminista británica Carole Pateman, autora dun libro imprescindíbel, "O contrato sexual", afirma con toda claridade que a construción patriarcal da diferenza entre a masculinidade e a feminidade é a diferenza política entre a liberdade e o sometemento. A mente machista contempla a muller como obxecto disposto para servir mansamente os desexos e os ditados marcados polo home, e esa visión encerra unha idea contraria á máis elemental civilidade ou, como diría a escritora Nélida Piñón, é directamente antidemocrática.

Mais, para fixar na realidade o feito de que o machismo é unha forma de barbarie, só temos que acudir ás cifras oficiais da violencia machista criminal: nos últimos 14 anos foron asasinadas no Estado español 1.000 mulleres, sempre a man das súas parellas ou exparellas. E estes feitos constitúen a todas luces o que xa se entende como "feminicidio", que non é outra cousa que un xenocidio contra as mulleres. Non existe verdadeira democracia cando a sociedade se identifica como xenocida, cando existe, como é o caso, unha evidente tolerancia social coa violencia normalizada contra as mulleres. E esa violencia non é outra cousa que a imposición totalitaria da desigualdade, unha violación absoluta dos dereitos humanos.

O machismo é barbarie
Comentarios