Opinión

O muro

Do control civil e civilizado das fronteiras pásase ao control militar. E cando iso ocorre os dereitos humanos deixan de existir

Un líder político (e déixenme que me libre de emitir o seu nome) propón, con voz dura e acenos militaroides e faroleiros, a construción inmediata dun "muro infranqueable" con Marrocos, porque estamos, segundo este touro das devesas, diante dunha "auténtica invasión", e os nenos invasores ilegais, dende a visión xenófoba e odiante en marcha, van acabar en centros de menores "recibindo pagas". Existe, sen dúbida, un trasfondo evidente na utilización de seres humanos, como forma criminal de "xogo" político, por parte do demócrata Mohamed VI. Mais cando o líder en cuestión fala de erguer un muro racista (e que o pague Marrocos), en realidade está a plaxiar a aquel Donald Trump que aseguraba que construiría un gran muro na fronteira sur dos EE.UU. e que México acabaría pagándoo. Build the wall, bradaban os trumpeiros afervoados.

O certo é que o muro, como ben nos avisa o filósofo italiano Ernesto Sferrazza, é un feito real que fixa unha vontade de separación e autosegregación, constituíndose como unha resposta material aos medos e ás ansiedades do home, exclusión e illamento incluídos: "unha forma de vida temerosa que reforza as asimetrías morais e políticas do noso mundo". O doutor Sferrazza, autor dun libro recentemente publicado en Italia e titulado A pedra e o poder. Unha crítica filosófica do muro, investiga sobre as fronteiras terrestres e os muros dende perspectivas ontolóxicas, políticas e éticas. E pregúntase o pensador turinés por que a día de hoxe se recorre a un obxecto (o muro) que semella pertencer a unha prehistoria da política, ou por que nunha «dimensión global» se articula tamén a dimensión «violentamente local» dos muros.

Un informe recente do Centro Delàs de Estudos pola Paz danos conta de que na Europa actual, vítima dunha nova vaga de extrema dereita, se teñen construído máis de 1.000 quilómetros de cerrumes dende os anos 90 do século XX, demostrándose así a existencia dunha Europa Fortaleza que constrúe muros e cerra fronteiras para tratar de evitar a chegada de persoas desprazadas.

O muro infranqueábel que desexa instaurar a política da xenofobia e do odio ao humano é un muro militarizado, con tecnoloxías de represión, unha barreira física que agacha unha alta dose de violencia. Do control civil e civilizado das fronteiras pásase ao control militar. E cando iso ocorre, como ben se sabe, os dereitos humanos deixan de existir.

Comentarios