lunes. 17.05.2021 |
El tiempo
lunes. 17.05.2021
El tiempo

O pensamento dominante

É urxente, fronte ao pensamento patriarcal dominante, establecer un sistema educativo que eduque en feminismo e en igualdade. O camiño será longo

QUE TIPO de mentalidade posúe o maxistrado que exerceu o voto particular na Audiencia de Navarra en relación ao caso coñecido como ‘La Manada’? A mentalidade, sirva esta definición, é unha forma de entender a existencia mediante ideas e conviccións persoais que actúan como fundamento da mentalidade mesma. Ou dito doutro xeito, e seguindo as palabras do antropólogo e xurista Jaime Richart, a mentalidade é un conxunto de ideas fundamentais que configura o pensamento dunha persoa, dunha colectividade ou dunha época. E ben se sabe que existe unha ideoloxía dominante que acaba por formar parte da paisaxe social con certa naturalidade e con certo marchamo corrente e aceptado.

O pensamento dominante na sociedade actual é de clara matriz patriarcal e proxecta unha mentalidade que incorpora a existencia dunha superioridade e autoridade do home sobre a muller tanto no sistema familiar como no espazo público, de xeito que se manifesta un dominio masculino institucionalizado sobre o corpo feminino, controlándoo e someténdoo a unha apropiación, sexa mediante imperativos pacíficos ou mediante o uso directo da violencia nas súas múltiples manifestacións.

Cando o maxistrado do voto particular do Tribunal de Pamplona se dirixe á vítima da violación masiva manifestando e concluíndo que "en cualquier caso, daño, dolor durante ese episodio ha quedado claro que no sintió usted", vese aí con toda claridade como aflora a mentalidade e o pensamento patriarcal dominante, pois para este maxistrado a muller violada viviu unha situación, así o afirmou tamén tal xuíz, de "jolgorio y regocijo". Mais, independentemente de que a ONU denuncie que a sentenza de ‘La Manada’ subestima a gravidade da violación e de que 2.000 psicólogos demanden unha educación sexual que favoreza o cumprimento dos dereitos das mulleres, o certo é que o pensamento dominante ofrece aquí matices de sadismo no seu interior escuro e confuso, na mente dun xuíz que non ve como cinco machos se senten donos e señores na acción grupal sobre un ‘obxecto sexual’ disposto ao seu completo servizo.

É urxente, fronte ao pensamento patriarcal dominante, establecer un sistema educativo que eduque en feminismo e en igualdade. O camiño será longo. Mais as relacións de dominio dun sexo sobre outro están sentenciadas. O androcentrismo non ten futuro. A forza e a lucidez das mulleres xa nos están marcando o camiño.

O pensamento dominante
Comentarios
ç