Opinión

O prestixio dos escritores

Os nomes dos nosos escritores nas mesas do Premio Puro Cora prestíxiannos a todos e son unha marca literaria e cultural de primeira clase

TIVEN OCASIÓN de manter unha interesante conversa con Ramón Villares no xantar de celebración do XXV Premio Puro Cora de xornalismo que concede anualmente El Progreso de Lugo e que recaeu na presente edición no xornalista Manuel Campo Vidal. Circunstancia excelente. Porque a raíz do acto mesmo de entrega do premio e do ámbito no que tiña lugar departimos o historiador e quen aquí escribe sobre o prestixio dos escritores e das escritoras, sobre o seu recoñecemento comunitario, sobre a consideración e o ascendente que, en moitos casos, os literatos, prosistas, poetas, xornalistas ou ensaístas teñen no plano público, na esfera social. E todo isto, a conversa reflexiva e frutífera que alí mantivemos, partiu do feito observado de que as mesas do ágape lugués en honra de Campo Vidal lucían todas e cada unha delas, en letra de molde ben visíbel, un nome de escritor de Lugo ou relacionado con Lugo —caso de Ricardo Carvalho Calero, por exemplo—, que así, deste xeito, con letra ben composta de imprenta, se honraba e celebraba con forte valor real e simbólico.

Alí estaban, por todo o alto, madia leva, nomes de escritores por min moi queridos e familiares, amigos que foron durante moitos anos, mestres da poesía como Uxío Novoneyra e Manuel María, xunto ao Fiz Vergara Vilariño e os grandes Ánxel Fole, Luís Pimentel e Álvaro Cunqueiro, e máis alá, noutras mesas, tamén sobranceaban os nomes de Puro Cora —obviamente, anfitrión simbólico— e de Noriega Varela, Ramón Piñeiro, Evaristo Correa Calderón, Juan Rof Carballo, Amor Meilán e Narciso Peinado. Fermosa maneira esta de honrar as letras luguesas en toda a súa extensión. Ou xustiza poética, como se adoita expresar.

Sen dúbida, os nomes dos nosos escritores así vistos, no seu cumio simbólico, prestíxiannos a todos e son unha marca literaria e cultural de primeira clase que nos representa e nos identifica. E isto acontece tamén, matinaba eu, polo mundo adiante. Vexamos senón, por exemplo, o caso de Jorge Luis Borges, o escritor arxentino, que é un clásico da literatura mundial. Borges ten un prestixio inmenso, por todos recoñecido, mais non hai moito o escritor tamén arxentino Martín Koan expresaba o paradoxo de que, sendo o autor de El Aleph un xenio universal, as lecturas da súa obra non fosen tantas como deberían. Pois o mesmo acontece con Cunqueiro, Fole, Pimentel, Carvalho Calero... Lean a súa obra, por favor.

Comentarios