lunes. 17.05.2021 |
El tiempo
lunes. 17.05.2021
El tiempo

O valor dos idiomas

A FILOLOXÍA, entendida etimoloxicamente como o "amor polas palabras", non está hoxe ben considerada ou, expresado con máis verismo e firmeza, é obxecto directo de desprezo por parte de numerosas persoas e institucións. A Unesco chama todos os anos -existe un Día Internacional da Lingua Materna- a promover a diversidade lingüística e o multilingüísmo, manifestando ademais que as linguas son un instrumento poderoso para preservar as culturas e para, nesa mesma liña de preservación, axudar a xerar solidariedade, entendemento e diálogo entre as persoas.

O noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateo, creadopolo xenio inviolábel do noso pobo e labrado con amor

Por iso resulta altamente preocupante e alarmante comprobar como medra en determinados sectores da política e da sociedade española -en organizacións de extrema dereita principalmente- un odio certo cara á diversidade lingüística existente no Estado español. O que constitúe unha auténtica riqueza cultural, con gran valor histórico, social e literario -a literatura galega, por exemplo, a través do idioma que a alimenta, xa se recoñece como universal-, é obxecto frecuente de desprezo, de animadversión, de fobia e de verdadeiro odio. Dende a mentalidade supremacista do español/castellano, que segue a ser a vixente no Reino de España, os idiomas galego, euskera e catalán son molestos e incómodos, non se recoñecen verdadeiramente na súa realidade e valor, e mesmo chegan a provocar irritación e carraxe. E de aí á persecución, ao etnocidio, só hai un paso.

Diante dos últimos ataques realizados contra os idiomas non casteláns de Hespaña (con "H", como escribía Castelao), tanto no Congreso como en diversas accións de grupos supremacistas españois, habería que referirse unha vez máis ao valor que cada idioma ten en si mesmo e aos dereitos das persoas a poderen vivir sen ningunha caste de discriminación ou racismo lingüístico no idioma propio dun territorio en particular, tal como recoñecen as leis que, por outra banda, case nunca se cumpren.

Castelao preguntábase que diríamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria. E, a seguir, engadía que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateo, creado polo xenio inviolábel do noso pobo e labrado con amor, con dor e con ledicia por "moitísimas xeracións". Os idiomas son moito máis e teñen máis valor en si mesmos que unha obra de arte. Non permitamos que os bárbaros, aquí e agora, no Congreso e na rúa, pretendan convertelos en cadáver.

O valor dos idiomas
Comentarios
ç