Opinión

O virus da fame

Gandhi dixo no seu día que a fame era "a forma de violencia máis asasina que existe"

Se o mundo xa estaba famento antes da pandemia (en 2019 había 821 millóns de seres humanos padecendo serios problemas alimentarios), o panorama que se albisca, índomos a finais do 2021, tradúcese nunha cifra próxima aos 1.200 millóns de persoas a pasaren fame. Xa o director do Programa Mundial de Alimentos, David Beasley, advertía meses atrás que o mundo podería enfrontarse a unha epidemia de fame no ano 2021, unha "fame negra de proporcións bíblicas". E así o considera tamén a axencia humanitaria internacional Oxfam, que estima que, no andar do tempo pandémico, arredor de 12.000 persoas poderían morrer de fame ao día.

Lémbranos Abdi Latif, correspondente de África oriental para o New York Times, que a verdadeira pandemia, á que se van enfrontar de xeito crecente millóns de persoas, vai ser a fame. E disto pouco ou nada se fala. O gravísimo problema da fame de seres humanos no mundo, unha realidade que vén de lonxe, non está entre as preocupacións dos países ricos, das potencias imperialistas ou das alianzas políticas que tecen os poderes económicos do planeta. Gandhi dixo no seu día que a fame era "a forma de violencia máis asasina que existe". Vivimos nunha sociedade que move máis de 35.000 millóns de euros ao ano (só na Unión Europea) en alimentación e servizos veterinarios destinados aos denominados animais de compañía, un negocio que non deixa de medrar. E até existe, como non, unha flamante Federación Europea da Industria de Alimentación para Mascotas.

Mais os 17 millóns de nenos que sofren desnutrición aguda grave no mundo son uns ninguén. Porque cada día que pasa morren 8.000 nenos por falta de alimentos e por enfermidades infecciosas provocadas pola pobreza e a miseria, e eses oito mil corpos infantís vítimas diarias da fame espertan moi pouco interese, recoñézase, nas sociedades occidentais. Tal vez porque a maioría deses nenos e nenas deixan de vivir en Afganistán, Burundi, India, Malawi, Zambia, Etiopía ou Guatemala.

O certo é que a fame no mundo, como ben di o profesor e economista Bernardo Kliksberg, é o maior escándalo ético do noso tempo. ¿Como se pode admitir que o dereito máis básico e elemental do ser humano, a alimentación, sexa vulnerado da maneira en que o é? As palabras terríbeis e realistas de Gandhi volven estar sobre a mesa. A sociedade, aínda en plena pandemia, ten unha revolución ética e social pendente.

Comentarios