Opinión

Pablo González, xornalista

Acaba de cumprirse un ano da detención en Polonia do xornalista español Pablo González, acusado de espionaxe pola Axencia Polaca de Seguridade Interior, un organismo creado no ano 2002 e responsábel de identificar, previr e combater as ameazas á seguridade interna do Estado e a súa orde constitucional, e en particular a soberanía, a independencia e a inviolabilidade do seu territorio. Esta Axencia acusou a Pablo González, fillo de pai ruso e nai española, e con dobre nacionalidade, de usar a súa profesión co ánimo de enmascarar actividades favorecedoras para a intelixencia militar rusa mentres cubría profesionalmente a chegada de refuxiados de Ucraína a Polonia, tal como recoñeceu no seu día un voceiro do Goberno polaco.

O certo é que o caso da detención e encarceramento do xornalista español, de orixe materna vasca e traballador sobre o terreo para importantes medios de comunicación televisivos e de prensa española, xa foi denunciado por diversas asociacións, federacións e sindicatos internacionais de xornalistas, dende a Federación Europea e Internacional de Xornalistas, ou a Federación de Asociacións de Xornalistas de España, até organizacións tan recoñecidas como Reporteiros sen Fronteiras e diversas entidades Pro Dereitos Humanos de varios países. Nos ámbitos profesionais do xornalismo europeo o caso de Pablo González –un ano xa en réxime de illamento penitenciario (prisión preventiva) e sen perspectivas de xuízo en tempo e forma– causa verdadeiro asombro.

E tanto é así que Amnistía Internacional ve moi posíbel que neste caso se estean a incumprir de xeito taxativo o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e o Convenio de Dereitos Humanos, que establecen, ambos, que toda persoa debe ser informada á maior brevidade posíbel dos motivos da súa detención, así como de todos os seus dereitos para poder impugnar a mesma. Xulguen vostedes. O Defensor del Pueblo, Ángel Gabilondo, acaba de dirixir unha carta ao seu homólogo polaco na que esixe explicacións sobre o caso do xornalista español, porque ademais existen serias e graves evidencias de que as condicións do encarceramento e o trato que está a recibir en prisión Pablo González "lle están a provocar problemas de saúde, deteriorando o seu estado tanto físico como psíquico".

Polonia. Democracia europea. Ano 2023. 37 anos despois da adhesión do Estado español á Unión Europea.

Comentarios