domingo. 09.08.2020 |
El tiempo
domingo. 09.08.2020
El tiempo

Palestina

Os acadios referíanse a ela como "Palastu" e os exipcios como "Palusata". E Aristóteles, Ovidio, Plinio o Vello ou Plutarco xa utilizan a forma "Palestina". Eu lembro agora a viaxe que o premio Nobel portugués José Saramago realizou a Palestina no ano 2002 como parte dunha delegación composta por oito literatos do Parlamento Internacional de Escritores, entre os que tamén figuraba Juan Goytisolo. Tanto Saramago como Goytisolo, en distintas ocasións, faláronme desa visita a Palestina, na que estiveron acompañados polo gran poeta palestino Mahmud Darwish; e o escritor portugués, nunha rolda de prensa celebrada na cidade de Ramala, impresionado polo que chegou a ver cos seus propios ollos, comparou as accións do Exército israelí nos territorios palestinos co sufrimento dos xudeus durante a II Guerra Mundial. "É o mesmo, aínda que teñamos en conta as diferenzas de espazo e tempo", matizaba o autor de Ensaio sobre a cegueira.

Eu mesmo, que tiven a oportunidade de visitar Palestina, tamén en viaxe literaria -lembro sempre nesta altura ao poeta e amigo Murad Sudani-, vin cousas semellantes ás que viu Saramago e fun consciente de que o pretende Israel, en última instancia, é a liquidación total da nación palestina. Algo, unha realidade incontestábel, que tamén denunciaron autores como John Berger, Noam Chomsky ou Harold Pinter, en clara sincronía co Nobel portugués.

E todas estas lembranzas veñen a conto porque recentemente a Audiencia Nacional denegou o sobresemento da causa seguida contra a exdeputada no Congreso entre os anos 1989 e 2000 Ángeles Maestro polo envío de fondos (5.300 euros en 2014 e 3.085 en 2015) ao pobo palestino en concepto de axuda para a reconstrución de escolas e hospitais bombardeados por Israel. Ángeles Maestro, xunto con outras dúas persoas, foi imputada por «financiamento de terrorismo», cunha acusación que procede de dúas asociacións israelís e exercida por unha avogada estadounidense. ¿É perseguíbel a solidariedade co pobo palestino masacrado?

A primeira das cantidades foi entregada á dirixente da Fronte Popular para a Liberación de Palestina, Leila Khaled, recoñecida internacionalmente, quen visitou no seu día, ademais do Parlamento Europeo, as cidades de Madrid e Barcelona, sendo recibida polas autoridades municipais. A Audiencia Nacional, dadas as circunstancias, debería recoñecer as accións humanitarias.

Palestina
Comentarios