lunes. 17.05.2021 |
El tiempo
lunes. 17.05.2021
El tiempo

Patrimonio, patrimonio

O patrimonio converterase, pois, nun 'ben común' que pertenece a todos e ao que todos deben ter acceso

FOI PÚBLICO e notorio que o Castro de Santa Trega (A Guarda), Monumento Histórico Artístico Nacional dende o ano 1931 e Ben de Interese Cultural (Xunta de Galicia), serviu estoutro día de merendeiro a varias familias visitantes e festeiras que ocuparon mesmo o espazo interior das casas milenarias con mesas e cadeiras incluídas para xantaren e beberen con absoluta fachenda. E hai uns días tamén o Castro da Punta de San Pedro de Benquerencia, en Barreiros (Lugo), serviu perfectamente de cómodo aparcadoiro para turismos e auto caravanas. O Castro de Santa Trega, un oppidum da Idade do Ferro, é un dos máis extensos e importantes do Noroeste ibérico e o Castro da Punta de San Pedro é tan humilde e pouco coñecido que até o alcalde de Barreiros di que, como é de propiedade privada, non se pode facer nada para evitar que se estea aparcando aí.

¿En que nivel podemos situar o valor educativo e didáctico do patrimonio, por exemplo, nas escolas e colexios galegos? ¿Existe realmente entre nós unha didáctica do patrimonio e unha vontade de respecto e de conservación do entorno e do pasado cultural? Como ben nos lembra a profesora e investigadora Neus González Monfort, o patrimonio comezará a entenderse como cultura no século XIX, e comezará tamén a falarse de bens culturais para, xa na primeira metade do século XX, pasar a vincular o patrimonio coa sociedade e coa colectividade. O patrimonio converterase, pois, nun ben común que pertence a todos e ao que todos deben ter acceso. E debe ser obxecto, obviamente, de protección e conservación, aplicando para iso todo o aparello legal e normativo existente.

¿Acontece isto entre nós? ¿Cal é o estado, por exemplo, da Torre de Caldaloba, de orixe medieval, no concello lugués de Cospeito? ¿E que me din vostedes do mosteiro do Bo Xesús de Trandeiras (Xinzo de Limia), fundado en 1520? ¿E o pazo de Cadro en Marín (Pontevedra), do século XVI, que vai ser del? Un día si e outro tamén asistimos ao desleixo, ao esquecemento e a actos da agresión ao noso patrimonio cultural. Non hai moito —tomo a información do historiador Xavier Moure— unha escavadora esnaquizaba un castro no concello lugués de Friol para plantar eucaliptos, case ao mesmo tempo que maquinaria pesada arrasaba parte do Castro de Cervás, no concello coruñés de Ares, realizando traballos de desbroce dunha finca. Deberíase pór couto a tanta barbarie.

Patrimonio, patrimonio
Comentarios
ç