Opinión

Picaresca española

Alguén afirma que España precisa un ‘rearme moral’. Mellor que o decida a Asociación Española de Abogados Cristianos
 

POR UN TEXTO do profesor Gonzalo Sobejano, lido xa hai ben anos, souben que existía un libro de Rafael Salillas publicado no ano 1898 que incluía no subtítulo a expresión ‘antropología picaresca’, e tiven noticia tamén de que Pío Baroja dera ao prelo no seu día un ensaio breve titulado Patología del golfo, dedicado este a describir e estudar as distintas ‘golferías’ reinantes na sociedade madrileña xa entrado o século XX. Todo vén do pasado, en boa parte literario, do Lazarillo de Tormes e do Guzmán de Alfarache, e todo ese pasado acabou por se constituír en tradición, en paradigma, en pauta, o que levaba a afirmar, por exemplo, a Domingo García Sabell que o castelán era o idioma da picaresca.

Mais a picaresca española, hoxe tan recuperada, tamén ten alicerces na historia social e política, porque, como sinala o historiador José Campo Rizo, o século XIX foi unha centuria de guerras civís e de enfrontamentos por corrupción, ademais de denuncias continuas entre cidadáns; todo un acervo sociolóxico que, sen dúbida, revive. 

Se na España imperial de Carlos V os pícaros eran impostores, rateiros e malandríns, na España comesta pola corrupción de Felipe VI reina tamén a picaresca e casos hai numerosos nos que os ‘listos’, agora de traxe e garabata, comen as uvas en silencio de 3 en 3 cando o pacto era facelo de 1 en 1, e non como o cego que as apañaba e metía na boca de 2 en 2 para descubrir precisamente o pícaro.

A picaresca española hoxe móstrase vivísima nos casos de corrupción económica e política existentes, dende a Gürtel, Nóos, Pokémon, Campeón ou os ERE, entre outros moitos, até as miles de ‘inmatriculacións’ de edificios públicos e bens varios levadas a cabo pola Igrexa Católica, que chegou a pagar 30 € —normativa franquista e José María Aznar polo medio—, pola Mesquita de Córdoba. E a picaresca está tamén presente, en forma de infección continuada, no caso dos ‘másteres’ universitarios, dos ‘copia e pega’, dos plaxios aquí e acolá, da propaganda e celebración ‘typical spanish’ das pícaras e pícaros que dan en seren políticos, empresarios, futbolistas, xornalistas e cantantes. A pensadora Victoria Camps, catedrática de Filosofía Moral e Política, apunta que o problema no fondo é unha cuestión de educación. E alguén afirma que España precisa un ‘rearme moral’. Mellor que o decida a Asociación Española de Abogados Cristianos.

Comentarios