Poesía de Eva Veiga

Pluma. ADP

Temos felizmente entre as nosas mans o último libro de poemas publicado por Eva Veiga —'O que se volve raíz' (Olifante, 2025)—, un volume en edición bilingüe galego-castelán traducido por Teresa Seara e con comentario de texto adxunto de Pilar Pallarés. Eu teño afirmado en diferentes lugares que Eva Veiga é unha das grandes voces da poesía galega contemporánea —sexan estas femininas ou masculinas—, pois a nosa poesía é unha 'constelación' onde se 'cosen' luces estelares que veñen de lonxe e que atopan na actualidade un cintilar vivo que chega a nos estremecer cando a 'palabra núa' —velaí a poeta eumesa— vive no fío lírico do coñecemento.

Algún crítico que agora a miña memoria non identifica ten expresado que estamos, no caso de Eva Veiga, diante dunha voz sabia, elegante e conmovedora, e lendo os seus poemas, os do seu libro actual e os dos seus libros anteriores, a min vénseme a acordanza dun Gaston Bachelard a afirmar que a poesía é unha 'metafísica instantánea'; e ao mesmo tempo, os versos que talla, gravados e insculpidos, a nosa poeta, fanme lembrar o que algún teórico hindú lle atribúe á poesía como 'linguaxe cifrada' que permite, por medio da 'dhvani' ou 'resonancia', a transmisión de arquetipos ou esencias da realidade. 

Nun dos poemas do libro 'O que se volve raíz', a poeta recoñece o seu beber do silencio: 'cántara de arxila/ que aínda garda/ a luz do sol'. E aí aprezamos a sabedoría dunha voz, máis alá da interpretación literal dos versos, que transmite unha idea profunda a través de sutís capas de significado. Mais ben sabemos —a idea é de Valéry— que a poesía, como non, é linguaxe nunha linguaxe, e aínda, con Novalis, descubrimos que o poeta é un ser que pensa en imaxes. 

Eva Veiga, digámolo doutro xeito, é unha poeta da ‘vertixe’ dun silencio —entendido este como 'estesia' (sentido): de aí xorde despois o vocábulo 'estética'— que se transmuta en voz, en palabra de poema, para contribuír na medida das máis fondas e íntimas posibilidades expresivas a unha explicación existencial do vivir. A propia poeta tense referido á poesía como unha vía que nos permite desvelar a realidade, achegarnos ao descoñecido 'e aínda ao indicíbel'. E este novo libro da autora que acaba de ver a luz serve para discernir, en esencia, o mundo creativo dunha poeta que trata, como as grandes mentes poéticas, de nos dicir o imposíbel. Leitura obrigada.