martes. 15.06.2021 |
El tiempo
martes. 15.06.2021
El tiempo

Poetas portuguesas

Emociona a textura e a fondura das voces irmás portuguesas, o tacto dunha porcelana suntuosa que reloce como a fibra do desexo apegada ao idioma, ao latexo universal que nos une

Chega ás miñas mans como fermoso agasallo de maio a antoloxía Sombras de porcelana brava. Diecisiete poetas portuguesas, con edición, selección e tradución ao castelán de Vicente Araguas —magnífico o seu traballo todo— e publicada con máxima pulcritude formal por Vaso Roto Ediciones. Todo libro, coidado e reverenciado no seu proceso de deseño e construción, é un acto material de beleza, e este, que loce na portada un gravado de Víctor Ramírez, déixao ben ás claras. O escritor, poeta e crítico literario ferrolterrán de Xuvia acaba de publicar, por certo, un novo libro de poemas da súa autoría, un longo texto poético eçaqueirosiano —máis de mil versos— titulado Basilio de Brito ha vuelto a Lisboa, obra esta que axiña será traducida ao portugués, como é lóxico. Mais as 17 poetas portuguesas que Araguas nos pon sobre a nosa mesa lectora cobran agora un brillo e un lucimento especial que centra todo o noso interese.

Eu sempre lin, debo confesalo, poetas portuguesas. Dende a Sophia de Mello á Filipa Leal ou Rosa Alice Branco, contando tamén coas que foron amigas de quen aquí escribe, a Natália Correia e, sobre todo, Ana Hatherly, tan admirada e querida sempre. Após o 25 de Abril, a creación literaria con nomes de muller en Portugal acabou sendo unha realidade de alta tensión artística e cultural, e as voces femininas no eido da poesía proxectáronse de xeito continuo e crecente até, xa entrado o novo século, ocuparen un espazo de grande puxanza no panorama poético e literario portugués.

As Sombras de porcelana brava —título que parte dun verso da lisboeta Ana Marques Gastão— érguense para daren luz a unha antoloxía, a unha selectas que fai xustiza á palabra poética viva da mellor poesía portuguesa do noso tempo. E as 400 páxinas da obra colectiva que aquí se presenta serven para que o público lector español, a través dunha rigorosa edición bilingüe, coñeza e recoñeza unha mostra da mellor poesía ibérica actual. O antólogo e poeta Vicente Araguas, referíndose ao "berce" común galego-portugués, afirma que vimos do mesmo sangue, de idénticas esencias. E por iso é que emociona a textura, e a fondura, das voces irmás portuguesas, o tacto dunha porcelana suntuosa que reloce como a fibra do desexo apegada ao idioma, ao latexo universal que nos une. Porque é a poesía, "a posição íntima multiplicada pela memória", como me deixa dicir Sara Costa.

Poetas portuguesas
Comentarios
ç