viernes. 22.11.2019 |
El tiempo
viernes. 22.11.2019
El tiempo

Por que se esquece Haití?

LÉMBRANSE vostedes do terremoto de Haití de 2010? A cifra de falecidos superou as 300.000 persoas e o número de afectados os 3 millóns. E nove anos despois da catástrofe o pobo haitiano segue sen recuperarse de tal fatalidade e das súas consecuencias. A día de hoxe en Haití a pobreza e a miseria, xunto a un deterioro social e medio ambiental extremo, son moeda corrente. A axuda humanitaria internacional, básica no seu día, practicamente xa non existe e moitas ONGs abandonaron un país que segue a manter cifras de pobreza extrema que superan o 25 por cento e que mantén, nove anos despois do terremoto, arredor de 100.000 persoas que viven en campos de desprazados.

¿Lembran vostedes como, viñeta tras viñeta, Forges escribía, día tras día, ¡No olvidéis a Haití!? ¿Por que se esquece Haití? ¿Sabe a comunidade internacional que no campo de desprazados de Camp Cano, moi próximo á capital, Porto Príncipe, malviven 70.000 haitianos sen luz, sen auga corrente, sen sanidade ningunha e sen escolas? O certo é que máis de 200 anos despois da súa independencia, Haití —e o terremoto empeorou todo— segue a presentar unha situación social, política e económica absolutamente límite, derivada, como ben expresa a activista polos dereitos humanos Mónica Riet, do neocolonialismo estadounidense que domina na illa dende hai máis dun século.

¿Pensou Donald Trump, e os seus tan activos asesores en materia de cooperación internacional, en enviar axuda humanitaria real e efectiva a Haití? ¿Por que non se materializa esa axuda? ¿Acaso non é Haití hoxe un país militarizado, ocupado e obxecto de depredación extrema? Eu lembro perfectamente as palabras pronunciadas polo embaixador dos EE UU en Haití cando se falaba do negocio que se ofrecía coa reconstrución do país despois do terremoto: "a carreira polo ouro". E os EE UU e a Unión Europea, velaí os datos, a faceren negocio: "open for business".

Nas últimas eleccións celebradas en Haití (2017) só houbo unha participación do 21% e Washington proclamou aos catro ventos o regreso a un goberno democrático e constitucional. Hoxe a corrupción gobernamental (Tribunal Superior de Contas e Contencioso Administrativo "dixit") é unha realidade. Mentres 8 de cada 10 haitianos viven na pobreza e 5 millóns de persoas padecen inseguridade alimentaria. E estando así as cousas, ¿por que se esquece Haití? Pensen, pensen vostedes.

Por que se esquece Haití?
Comentarios