Opinión

Preguntas sobre o lume

¿Por que tras varias décadas de política forestal insustentábel os montes están cheos de maleza que permite a doada propagación das chamas?

POR QUE despois de se decretar o estado de alerta por seca en media Galicia o pasado 2 de outubro —velaí as declaracións da Confederación Hidrográfica do Miño—Sil— non se acentuou a prevención obrigada diante do alto risco de incendios? ¿E por que non se tivo en conta —Francisco Marín, presidente da CHMS, advertiuno— que estabamos diante do «ano máis seco da historia», con choivas un 40 por cento por baixo da media? ¿Valeu de algo que a Axencia Estatal de Meteoroloxía emitise o xoves 12 de outubro un «aviso especial» polos fenómenos adversos do furacán Ophelia que traería ventos de forza 9 ou 10 á zona marítima de Fisterra e de forza 7 á costa atlántica galega?

¿Se Galicia sufriu nos últimos dez anos ben máis de 30.000 incendios, por que non se teñen elaborado xa estudos conclusivos e definitivos sobre os elementos que propician a existencia desta destrución en marcha? ¿Por que tras varias décadas de política forestal insustentábel os montes galegos están ateigados de especies pirófitas, tan amigas do lume, e cheos de maleza impenetrábel que permite a doada propagación das chamas? ¿E tendo como temos unha gran dispersión poboacional, por que non existen Plans de Autoprotección —téñense reclamado— para as pequenas vilas, aldeas, casas rurais e instalacións particulares situadas en zonas de medio e alto risco de incendios forestais?

¿Á vista do acontecido, non foi un completo fracaso o Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (2017), que até facía gala dun novo sistema informático que incorporaba un visor 3D, un simulador de lumes e outros avances tecnolóxicos que permitirían reducir os tempos de desprazamento aos incendios e establecer rutas a través do posicionamento real? ¿Por que, dadas as circunstancias adversas —seca continuada, temperaturas elevadas, vento previsíbel—, a Xunta decidiu, días antes da traxedia, non renovar o contrato a perto de 500 brigadistas anti incendios que traballaban para a empresa pública Seaga?

¿E por que tiveron que activarse centos de veciños a loitaren heroicamente en solitario contra o lume, abandonados á súa sorte, para salvar as súas propias vidas e propiedades súas ou de outros? ¿Houbo algunha caste de planificación inmediata ou axuda en tempo e forma dirixida a eses veciños por parte da autoridade competente? Non hai máis espazo para máis preguntas. Precísanse respostas.

Comentarios