Opinión

Puritanismo

O PURITANISMO nunca desapareceu como tal dos ámbitos sociais contemporáneos e volve estar entre nós ben puxante ou mesmo, diríamos, brioso. Até o conservador e naturalista Hipólito Taine escribiu no seu día que o puritanismo é a morte da cultura, da filosofía e da cordialidade social: "É a característica da vulgaridade e do tenebroso". ¿Imaxinan vostedes a existencia dunha Asociación de Avogados Salafistas ou Wahabistas en calquera país do mundo árabe? Pois en España existe unha Asociación de Abogados Cristianos, fundada no ano 2008, que algunhas informacións recentes publicadas en prensa sitúan supostamente próxima a unha sociedade secreta de carácter paramilitar ultracatólica de orixe mexicana, mais de proxección internacional, denominada El Yunque.

O puritanismo de hoxe —non falaremos aquí do puritanismo histórico de inspiración calvinista, tan ben analizado por algúns historiadores— segue o seu curso sen pausa. ¿Acaso non se está destruíndo, aos poucos, o sistema educativo público e democrático? ¿E que está a acontecer con expresións culturais como o teatro, a poesía, a literatura ou as artes plásticas? A mediocridade, que xa invadiu hai tempo o poder político, invade tamén, na maioría dos casos, a creación artística: véxase, se non, a nova ou última poesía que se escribe, aquí e acolá, na Europa de hoxe en día.

O escultor estadounidense Gutzon Borglum, que foi discípulo de Rodin, non dubidou en definir o puritanismo como unha vía para crear individuos "estreitos de mente e hipócritas", algo que se percibe perfectamente in crescendo na sociedade que nos tocou, aquí e agora, vivir e sufrir. E George Santayana, na súa novela de filósofo O último puritano, afirma sen lugar á dúbida que o puritanismo "é unha reacción natural contra a natureza"; é dicir, dende a perspectiva puritana estética e política, a natureza é vista como un "sucio amasijo de impulsos", tal como o interpreta Ignacio Gómez de Liaño.

Tal vez por iso sentenzas da Audiencia Nacional que hai máis dunha década eran absolutorias con respecto a letras "durísimas" de grupos de música, hoxe, con letras menos duras, acaban sendo condenatorias. A liberdade de expresión está na actualidade en perigo. En vías de extinción. E o puritanismo, tamén na esfera do poder xudicial, revive, rebrota, volve cobrar forza e acaba por se converter nunha preocupante regresión democrática.

Comentarios